O BNG DA MARIÑA URXE MAIOR PROTECCIÓN PARA A BAIXURA POLA SÚA REPERCUSIÓN NO ENTRAMADO ECONÓMICO E SOCIAL DA COMARCA
Ana Ermida asegura que o seu partido está a defender ante a Comisión Europea un reparto de cotas máis responsable e menos ríxido
“Durante o goberno de Feijóo desapareceron 140 embarcacións de baixura e máis de 500 mariscadoras abandonaron a actividade en toda Galiza. Estes datos demostran que o modelo pesqueiro do PP é nocivo para o país”
A Mariña, 14 de setembro de 2012. Unha delegación do BNG, encabezada por Antonio Veiga, responsábel comarcal na Mariña, e composta por Xoán Estúa, vicerresponsábel da organziación na comarca, Ana Ermida, portavoz no concello de Barreiros, Bernardo Fraga, tenente de alcalde de Viveiro, e Mario López, concelleiro en Xove, reuniuse, esta tarde, con representantes da Confraría de Pescadres de Burela para escoitar os problemas e as reivindicacións do colectivo da baixura, nun momento no que as institucións europeas están a debater a reforma da Política Pesqueira Común (PPC).
Ana Emida explicou que “a baixura é a variedade de pesca máis sostíbel e respectuosa co medio marítimo xa que apenas xera desgaste, ademais de crear un maior número de empregos que outras flotas”, motivos polos que o seu partido reclama “un maior recoñecemento para esta modalidade que supón o 80% de toda a pesca. Outros modelos representan unha mínima parte e teñen maior consideración por parte da Comisión Europea”.
Os nacionalistas e a Confraría de Pescadores de Burela insisten en que “o sector artesanal galego é sostible se a distribución de cotas se fai dun xeito responsábel e sen tanta rixidez, algo que está a defender a eurodeputada do BNG ante as institucións europeas. A baixura galega debe contar cunha maior protección polo peso que ten no entramado económico e social nos municipios da Mariña”.
Ermida acusou á Xunta de Núñez Feijóo de “desentenderse” da política pesqueira a pesar de ser un nicho potencial de emprego. “Ao non haber escaseza de recursos os problemas da pesca artesanal galega son meramente políticos. O modelo pesqueiro do Partido Popular é nocivo. Así o demostran os datos; nos últimos tres anos e medio deixaron de faenar 140 embarcacións de baixura, o que sitúa a Galiza á cabeza de Europa, e máis de 525 mariscadoras abandonaron a actividade”.
Comunicación BNG – A Mariña