Rematan as obras de mellora da rede de abastecemento de auga de Cervo
-Os traballos estaban pendentes dende a execución das obras de mellora dos accesos e as interseccións da N-642 ao seu paso polo municipio
Cervo, 27 de setembro de 2012-O Concello e o Ministerio de Fomento veñen de executar uns traballos de mellora das canalizacións da rede de abastecemento de auga da parroquia de Cervo. Unhas obras que afectaron á rotonda de Espiñerido, no punto quilométrico 51 da N-642, onde operarios e máquinas estiveron traballando dende o pasado luns.
A actuación consistiu na instalación dunha tubaxe que une as canalizacións da marxe dereita e da marxe esquerda en sentido perpendicular e que dispón de varias válvulas de corte de subministro. Unha tubaxe semellante xa existía, pero estaba situada baixo o pavimento, nunha zona próxima, polo que en caso de ter que solucionar unha rotura ou unha avaría, veríase afectada a estrada, requirindo despois a reposición do pavimento. Con este cambio de situación da tubaxe calquera traballo que sexa necesario realizar poderase afrontar con máis facilidade, xa que só se vería afectado o terreo da rotonda.
Estes traballos quedaran pendentes de realizar dende que o anterior Ministerio de Fomento acometera as obras de mellora da seguridade na estrada nacional dentro do termo municipal de Cervo. Agora, despois de rexistrarse unha pequena fuga na tubaxe anterior, foi imprescindible actuar, aproveitando para mellorar a rede que abastece a lugares da parroquia de Cervo como Espiñerido, Casas Novas ou Rueta. “Esta era unha obra pola que levabamos tempo agardando e que se puido ter feito no seu momento para non facer un traballo duplicado” explica o alcalde, Alfonso Villares. Agora “só queda agradecer aos actuais responsables do Ministerio a súa dilixencia” remata o rexedor.