O presidente en funcións da Xunta avanza que se está a traballar xa nos orzamentos autonómicos do ano 2013 e garante a prioridade de finalizar o corredor Lugo-Sarria-Monforte e de rematar as grandes infraestruturas en marcha
FEIJÓO DESTACA A POSTA EN FUNCIONAMENTO, NESTA LEXISLATURA, DE 100KM DE VÍAS DE ALTA CAPACIDADE, “UN TERZO DO TOTAL NA PROVINCIA DE LUGO”
“Deses 100km novos de vías de alta capacidade, 32km se puxeron a disposición na provincia de Lugo para vertebrar o interior de Galicia; estamos, en consecuencia, deixando patente o que intentamos desde o principio da lexislatura, apostar polo interior, polo equilibrio territorial”, afirma
Lembra que a Xunta, con 3.000 millóns menos, está facendo investimentos en obra nova cando outras comunidades teñen dificultades para pagar o gasto corrente, para atender as nóminas e o pago ás farmacias
Santiago, 26 de outubro de 2012.- O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou, hoxe, durante a apertura do treito Sarria-Noceda, a posta en funcionamento, nesta lexislatura, de 100Km de vías de alta capacidade, “un terzo do total na provincia de Lugo”. “Deses 100 quilómetros novos de vías de alta capacidade, 32 quilómetros se puxeron a disposición na provincia de Lugo para vertebrar o interior de Galicia. Estamos, en consecuencia, deixando patente o que intentamos desde o principio da lexislatura, apostar polo interior, polo equilibrio territorial”, aseverou.
O responsable do Goberno autonómico afirmou, así, que este novo treito, xunto a infraestruturas como a circunvalación de Sarria, a Rolda Leste de Lugo ou a estrada entre Viveiro e Cabreiros, entre outras, contribúen a formar “esa Galicia única, vertebrada, na que o 80% da poboación ten que estar a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade”.
Logo da apertura deste treito, e “a pesar de que sabemos que van ser aínda anos difíciles”, Feijóo avanzou que se está a traballar xa nos orzamentos autonómicos do ano 2013 e garantiu a prioridade de finalizar este corredor Lugo-Sarria-Monforte e de rematar as grandes infraestruturas en marcha, “mantendo a conservación dos miles de quilómetros de estradas que ten a Xunta no ámbito da súa competencia”.
O titular da Xunta fixo fincapé en que coa posta en funcionamento do novo treito “abrimos 7 quilómetros de futuro”, cun investimento de máis de 50 millóns de euros, contribuíndo á vertebración da provincia de Lugo e do interior de Galicia cun eixe norte-sur de calidade e seguridade viaria. “Un novo trazado que saca tráficos de longo percorrido do centro das vilas, contribuíndo á mellora da mobilidade de condutores e peóns e que permite un aforro de combustible, dado que hai un 10% menos de trazado”.
Así mesmo, incidiu no compromiso, “a pesar das dificultades”, de finalizar o mapa de estradas de altas prestacións na comunidade. “E por iso –precisou- este treito supón unha continuación do corredor Lugo-Sarria, onde os galegos investimos 100 millóns de euros e que continuará cos treitos que están neste momento en execución ata conectar Monforte con Sarria, Sarria con Lugo; un investimento total finalizando o corredor que chegará a 250 millóns de euros”.
Feijóo concluíu lembrando que este feito ten unha relevancia excepcional nos momentos de crise económica. “A Xunta, con 3.000 millóns menos, está facendo investimentos en obra nova cando outras comunidades teñen dificultades para pagar o gasto corrente, para atender as nóminas e o pago ás farmacias. Galicia ten capacidade para atender o gasto corrente con normalidade; non ten que pedir diñeiro ao fondo de liquidez nin aos préstamos ICO que pon a disposición o Goberno de España, senón que ten capacidade para seguir abrindo obra nova. E isto é un éxito colectivo dos galegos”.