… AI, NA FEIRA DE MONTERROSO!
O 1ª de novembro do 1969- hai 43 anos – a peña O Lar foise a Monterroso, para asistir á tan soada feira de Santos. A viaxe fíxose no coche de “Chús”, e non lembramos as horas que levou… Na “baca” ían unhas bañeiras de sardiñas coas que convidar ós feirantes; material do que era responsable, así como da manipulación (asado e distribución), un persoeiro singular: Manolín, “o gitano da Espiñeira”. Na parte traseira do autocar penduraba un salvavidas e debaixo un grande letreiro: “A peña O Lar- Foz, saúda a Monterroso”. Ó día seguinte o xornal, cun par de fotos, noticiaba: “A las 12,30 del día llegó a Monterroso la peña focense “O Lar”, despertando la consiguiente expectación. Esta animada peña acudía con el producto más original: las sardinas. Más tarde, en la “eira” de una casa de campo de la feria improvisaron un hogar donde fueron preparando una suculenta “sardiñada”, acompañada de pan de Mellid y regada con buen tinto de la tierra”. E no pé das fotos: “Por si los monterrosinos necesitaban salvar su vida en el día de Santos, aparecieron los de Foz con su salvavidas de la peña O Lar y, sobre todo con sus sardinas pues ellos, que participan de ambos elementos, saben que la carne sola, sin un entrante de pescado, es indigesta”. Pouco tardaron en devolver a visita e por xullo chegou á nosa vila, fletando un autocar, a peña “A Ulla”, cun cargamento de productos do porco, básicamente, que fixeron a ledicia e proporcionaron unha xornada de feliz convivencia entre xentes de ámbolos pobos.O coche que os trasladaba lucía na parte posterior un cartel de grandes caracteres: “A Ulla saúda ao Lar / o pernil aos mexilóns; / a vila de Monterroso / saúda á vila de Foz!”. establecéudose así a norma de intercambio anual que se cumpliu por moito tempo, ata que a aparición dos consabidos colesterois, ácidos úricos, hipertensións, glucosas e demais comezaron a facer estragos na tropa que, paseniño, foi abandonando os postos de vangarda ata a total disolución. Pode decirse, polo tanto, que aquela práctica finou “por prescripción facultativa…”.
Suso Fernández