O BNG DA MARIÑA PÓN A FOZ COMO PARADIGMA DA POLÍTICA ANTISOCIAL DO PP E DAS MENTIRAS DO PRESIDENTE FEIJÓO
Ermida acusa á Xunta de Galiza de obstaculizar o acceso dos veciños e veciñas de Foz a servizos sociais de calidade
Os nacionalistas comprométense a optimizar a xestión para o recoñecemento de prestacións por dependencia
“O primeiro obxectivo do BNG é rescatar ao sistema de benestar da asfixia financeira inducida polo PP e asegurar o investimento social”
Foz, 2 de outubro de 2012. Ana Ermida, candidata do BNG ao 21-O, participou, esta mañá, nun novo acto enmarcado na campaña ‘Futuro para A Mariña’ coa que os nacionalistas queren denunciar as ‘nefastas’ consecuencias que tivo para a comarca da Mariña a xestión do Partido Popular ao fronte da Xunta de Galiza durante os últimos tres anos e medio, e dar a coñecer un novo modelo de facer política “centrado nas necesidades das persoas e non nas das entidades financeiras”.
Para os nacionalistas “Foz é o paradigma do que foi a política antisocial do Executivo galego e das mentiras do presidente en funcións e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo. Xa na campaña do 2009, os populares prometeron a construción dun centro de día en todos os concellos con máis de 1.000 habitantes e, a piques de rematar a lexislatura, o Partido Popular aínda non cumpriu a súa promesa cos veciños e veciñas de Foz a pesar de que se inauguraron centros de día e residencias da terceira idade noutras localidades con menos peso poboacional e menos entidade que Foz”.
“Pero os incurmprimentos dos populares –continuou Ermida- non rematan aí. O compromiso de reforzar o servizo de Axuda no Fogar foi outra das grandes mentiras do Partidos Popular xa que o seu reforzo consistiu en retirar a aportación económica da Xunta de Galiza para a prestación deste servizo en todos os concellos con menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos os da provincia agás Lugo. Non hai dúbida algunha de que o Partido Popular marxina a Foz e aos seus veciños e veciñas; as súas políticas son un claro desprezo aos maiores e a aquelas zonas que precisan dunha axuda especial debido ao alto índice de avellentamento”.
Garantir os servizos sociais e a atención á dependencia
Fronte a este modelo de servizos sociais que provocou a perda de dereitos para a cidadanía e maiores cotas de pobreza, os nacionalistas apostan por dotar de recursos á Xunta e ás entidades locais para o financiamento dun sistema galego de servizos sociais no que se comprometa o 7 por cento dos orzamentos, por urxir ao Estado a establecer un novo modelo de financiamento que estea en consonancia con criterios de avellentamento, dispersión poboacional e índice de discapacidade, por mellorar e garantir o acceso aos servizos e equipamentos de calidade sen discriminación, así como por optimizar a xestión para o recoñecemento de prestacións por dependencia.
Neste senso, o Bloque Nacionalista Galego comprométese a actuar contra o déficit social herdado de Núñez Feijó e do seu goberno, que coas súas políticas antisociais afondaron na desigualdade, na pobreza e na exclusión social. “O noso primeiro obxectivo –concluíu Ermida- é recuperar o sistema de benestar da asfixia financeira inducida polo Partido Popular, asegurando o investimento social”.