ERMIDA PIDE O VOTO PARA O BNG PARA QUE GALIZA TEÑA UN GOBERNO QUE NON SEXA CÓMPLICE DAS PATRONAIS E DAS GRANDES FORTUNAS
A candidata nacionalista insiste en un goberno do BNG é garantía de apoio aos traballadores autónomos e ás pequenas e medianas empresas
“É preciso cambiar as regras de xogo da administración galega para garantir unha relación xusta e equilibrada entre os traballadores e as patronais”
San Cibrao, 8 de outubro de 2012. A candidata número tres do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento de Galiza pola provincia de Lugo, Ana Ermida, participou, esta tarde, nun mitin en San Cibrao, no que estivo acompañada de Xoán Estúa, vicerresponsábel da formación na Mariña, e Bernado Fraga, portavoz nacionalista en Viveiro, e no que denunciou a “insensibilidade do Partido Popular cos traballadores e traballadoras galegas”.
Ermida centrou a súa intervención “na oportunidade que o 21-O brinda a todos os galegos e galegas para elixir ser gobernados e gobernadas por dirixentes que non sexan cómplices das patronais e do desemprego. Este país precisa un cambio político, merece un goberno que non aprobe todos os expedientes de regulación de emprego que recibe e que, en moitos casos, son consecuencia da falla de actuación do propio executivo pola súa nula perspectiva e pola inexistencia de plans específicos para sectores que deberán ser clave para garantir o futuro de Galiza”.
“A actual situación amosa tamén –continuou a candidata nacionalista- a necesidade dun goberno responsábel que defina relacións xustas e equilibradas entre os traballadores e as traballadoras e as patronais. Levamos case catro anos dirixidos polo Partido Popular, catro anos nos que claramente a Xunta se posicionou ao carón das patronais en lugar de actuar como salvagarda dos intereses dos máis débiles que, neste caso, son o traballadores e traballadoras”.
Dende o BNG apostan por unas novas regras de xogo para que a administración galega free os ataques do Executivo de Rajoy en contra dos autónomos e das PEMES. “Durante a lexislatura que vén de rematar, o Partido Popular preferiu apoiar, a través do IGAPE, proxectos nada viábeis e abocados ao fracaso, ao tempo que rexeitou proxectos de PEMES e autónomos viábeis que non puideron ser implementados por falla de liquidez”.
Ermida rematou a súa intervención pedindo o voto para o BNG a todos os veciños e veciñas de San Cibrao para “lograr a oportunidade de xestionar os recursos, a riqueza e a calidade de Galiza en función dos intereses dos galegos e galegas e non das grandes empresas. Co BNG no goberno da Xunta poderanse desenvolver todas as capacidades produtivas do país a través do apoio aos autónomos e as pequenas e medianas empresas galegas”.