DE MATO E DOS CANS
Recibimos amable chamada da Asociación O Faiado-2 de Boiro, cuxa existencia ignorábamos, para convidarnos a estar no acto “Ramón Fernández Mato na memoria. Lembranzas da vida e a obra do ilustre escritor boirense”. O 22 do actual, día da súa morte en 1980. Ó seguinte día o cadáver fora trasladado ó Valadouro e soterrado no artístico mausoleo coa súa dona Pepita, natural do lugar, que o precedera 4 anos no pasamento. Con pesar, e a gratitude pola deferencía, rexeitamola ; atrancos persoais o impoñen; pero prometimos espallar algún rasgo singular do engaiolante personaxe. sumándonos moi modestamente á homenxe que o seu pobo lle adica. Don Ramón e dona Pepita, vivíron en Foz (1964/68) á volta do exilio iniciado cando o estoupido da guerra do 36 o pillou de Director Xeral de Seguridade, e fuxíu a Cuba. Xa fora Gobernador Civil de varias provincias; Deputado en Cortes por Lugo e exercera altos cargos na Administración. O labor de xornalista e escritor acada unha obra moi notable nas mais sinaladas publicacións de Galicia e do estado, así como de América. Primeiro director de “El Pueblo Gallego”, asinou unha ducia de libros. Na estadía focega aportou un ambiente cultural e social que nunca o pobo tivera nen volveu a ter, da que quedaron brillantes pegadas para a historia local. A cotío camiñaba polas rúas na compaña dun par de cadeliños suxeitos a unha correa, inquedos, xoguetóns e rebuldeiros.En ocasión que o visitou o escritor e xornalista Alvaro Ruibal, acompañámolo á súa casa e ó chamar á porta, os cadelos deron en ladrar dun xeito desaforado, coma se fose un fato deles… De súpeto aparece don Ramón que ó vernos, di:”¡ Ai, sodes vós!… Entrai tranquilos, sen medo, que istes cáns non comen calquera cousa!…” En 1968 marcha a parella para Vilagarcía e alí mercan casa e finca onde os visitamos algunha vez. A primeira coñecimos polo miúdo a fermosa propiedade. Na mellor estancia instalara a Biblioteca; e alí a ringleira de premios, títulos, distincións e galardóns recibidos ó longo da vida. Contounos o significado e a historia de cada un e ó remate, díxonos: “Pero amigo Suso, todo isto en Foz nada val: alí nunca pasei de ser “don Ramón, o dos canciños…”.
Suso Fernández