O EQUIPO DE GOBERNO AMOSA O SEU APOIO EXPLÍCITO Á FOLGA QUE HOXE SECUNDAN OS PRODUTORES DE LEITE. SUÁREZ BARCIA ENVIÓULLES UN ESCRITO AOS REXEDORES QUE SE REUNIRON COS SINDICATOS HAI MESES NO CONCELLO RIBADENSE PARA QUE CUMPRAN COS ACORDOS ALÍ ACADADOS.
Ribadeo, 27 de novembro de 2012. O equipo de goberno amosa o seu o apoio explícito á folga que hoxe secundan os produtores de leite, “que están a sofrir unha crise sen precedentes”. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, lembrou que hai máis de dous meses que se celebrou unha xuntanza no Concello de Ribadeo á que acudiron alcaldes, produtores e sindicatos, e que desde entón ningún rexedor fixo nada do alí acordado agás o de Ribadeo, que xa enviou cartas a todas as empresas comercializadoras para que establezan para o leite prezos acordes cos custes de producción.
O rexedor dixo que “desde o goberno municipal de Ribadeo queremos dar o apoio explícito a esta folga dos produtores leiteiros, dos gandeiros, que están nunha situación extrema, nunha crise sen precedentes pola baixada do prezo do leite, que non é unha situación que leve uns meses senón que xa leva máis de tres anos e que é absolutamente inxusta desde unha perspectiva europea, onde aos gandeiros se lles paga por debaixo do valor de produción. É dicir que o custe de produción é máis alto do que lle pagan polo litro de leite. É unha situación na que así ninguén pode subsistir, coa importancia que ten o sector gandeiro como vertebración do medio rural, cada vez más vido a menos, con cada vez menos xente”.
Suárez Barcia cre que “estas declaracións que fago eu, que son o alcalde dun concello e non temos capacidade directa de implicación no mundo económico neste sentido, pero si que lamento moito, e teño que dicilo así, que hai máis de dous meses tivemos unha reunión sindicatos gandeiros e alcaldes da comarca da Mariña. Quedamos en que entre todos os alcaldes debíamos enviarlles unha serie de comunicacións á distribución das nosas localidades, aos supermercados, aos hipermercados da Mariña. E que me conste a min só o fixo Ribadeo e pasaron dous meses exactamente desde que mandamos nosoutros as comunicacións aos supermercados. Os demais alcaldes, non sei si nadando e gardando a roupa, aquí diante de todos os sindicatos gandeiros se comprometeron a facer esta actuación, que desde este Concello fixemos, pero eles, que me conste, non fixeron nada”.
O alcalde ribadense subliñou que “eu, polo tanto, voulles mandar no día de hoxe inmediatamente unha carta a tódolos alcaldes para que cumpran o que aquí se comprometeron. Salvo que o fixeran sen difundilo nos medios de comunicación, cousa que me estraña bastante, creo que ningún deles cumpriu”.
Fernando Suárez considera que “entre todos temos que loitar para que se establezan uns prezos acordes co custe de produción, que permitan manter no noso territorio todas as fases da cadea tanto de produción como de comercialización. É moi importante a distribución e a comercialización do leite, pero desde logo temos que manter a produción, que é o que establece un equilibrio mínimo con todas estas zonas gandeiras, estas zonas leiteiras das parroquias do interior, que se están vindo a menos e que si perden esa capacidade produtiva dentro de pouco solo seremos consumidores. O que pasa é que para ser consumidores hai que ter diñeiro para comprar e pagar e si aquí de todo o que podemos producir cada vez podemos producir menos non sei que vai ser destas comarcas”.
CARTA ÁS CADEAS DE DISTRIBUCIÓN
Estimado Sr./a. Xerente:
Como ben sabedes, o desenvolvemento dos territorios e do propio sistema da sociedade na que estamos inmersos depende en gran medida da distribución en equidade dos beneficios e ingresos.
O papel que deben xogar as cadeas de distribución, entre outros, é o do abastecemento de alimentos e outras mercadorías á poboación . Así pois, estimamos que a competitividade entre as distribuidoras son beneficiosas para a poboación, sempre e cando garden certo equilibrio no poder de negociación entre as distribuidoras, produtores/as e consumidores/as.
Cómpre salientar que a situación actual do sector agrogandeiro está lonxe de ter un futuro socioeconomicamente viable. Actualmente este sector está moi por debaixo dos umbrais de rendibilidade e hoxe máis que nunca que o seu futuro está certamente comprometido.
Quixera lembravos que o circulo produción–consumo, precisa de papel de todos/as, e que coa desculpa duns prezos marcados por debaixo do custo produción no leite non farán posible a viabilidade e mantemento do sector agrogandeiro, e que sen dúbida algunha, comprometerán a sostibilidade do noso tecido-social, que en ultima instancia é noso elemento xenerador de riqueza do cal dependementos todos e todas.
O reparto de beneficios que se fai na cadea de valor dos alimentos, en concreto do leite e os seus derivados é tremendamente inxusto, xa que se fai ao revés. Así en lugar de pagar ao sector produtor un prezo que lle cubra custos de produción e traballo, engadir a isto os custos industriais e o xusto beneficio da distribución e industria, o que habitualmente se fai é xustamente á inversa. Isto é, a distribución fixa o prezo final do leite, a industria resta os seus custos e o seu beneficio, e o sector productor aguanta un prezo imposto, que nestes momentos, con uns custos de produción de 37 céntimos, establecese nunha mísera media da 28 céntimos.
É obvio que de continuar con esta política non han durar moito máis as nosas granxas. E se iso chega a producirse ¿a canto se cobrará o leite nos supermercados?, ¿aos 48 céntimos que hai hoxe en moitas das ofertas, ou aos 72 céntimos que o sector da distribución ten nas ofertas dos países europeos veciños?.
É por todo isto que, por recente acordo unánime da Corporación Municipal de Ribadeo vimos solicitarvos a todas as cadeas de distribución que tendes presenza neste noso Concello (ao igual que outros Concellos da bisbarra tamén o están a facer) o establecemento de prezos acordes co custo de producción que permitan manter no noso territorio a todas as fases da cadea de produción e comercialización, xerar riqueza en todos os procesos e garantir un tecido social economicamente sostible. Esta será o mellor xeito de contribuír a un futuro máis próspero para a nosa comarca e para o noso País. Por suposto, tamén para vós.
Non podemos esquezer o futuro depende de todos nós.