O BNG DA MARIÑA PARTICIPOU NA CONCENTRACIÓN CELEBRADA EN BURELA EN CONTRA DOS RECORTES DO PARTIDO POPULAR
Antonio Veiga insiste na importancia de seguir dando unha resposta unánime ás políticas antisociais dos gobernos central e galego
A Mariña, 20 de decembro de 2012. Representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña, encabezados polo responsábel comarcal da formación, Antonio Veiga, secundaron a concentración convocada por Alianza Social Galega en Burela para amosar o rexeitamento dos mariñáns ás políticas antisociais que están pondo en marcha os gobernos central e galego.
Para Veiga “os recortes en educación, sanidade e dependencia, as baixadas salariais, a suba de impostos e taxas, e a privatización de servizos, evidencian a faceta máis reaccionaria do Partido Popular cuxo obxectivo é lograr uns obxectivos selectivos pensados para os colectivos con máis recursos económicos. Se Rajoy e Feijóo teiman en apostar pola consecución do déficit cero e en aplicar este tipo de medidas para logralo, a economía entrará nunha espiral de decrecemento da que custará décadas saír”.
Dende a formación nacionalista insístese na importancia de que a sociedade continúe dando unha resposta unánime ás políticas antisociais que crean máis paro e pobreza e siga mobilizándose. “O Partido Popular vive alleo á realidade, desoe as demandas dos cidadáns e négase a apoiar iniciativas lexislativas populares; o único que nos queda é seguir saíndo á rúa para protestar” – sentenciou o responsábel comarcal.