LUCÍA: ‘O CIDADE RECIBIRANOS CON AGRESIVIDADE, SERÁ UN ENCONTRO MOI FÍSICO’
O Burela FS Pescados Rubén continuará mañá a aventura da XXII Copa Galicia nas semifinais, coa visita ao pavillón dos Remedios para baterse ao Cidade das Burgas (12.00 horas); as ourensás foron o último rival da liga, en Vista Alegre, ao que as laranxas se impuxeron 5-2. A ala-peche Lucía Nespereira agarda un enfrontamento moi similar, aínda que máis intenso: “Será un encontro moi físico; o Cidade é un equipo que pelexa moito e recibiranos con máis agresividade da que vimos en Burela, ao ser na súa pista”.
“A motivación será máxima para as dúas escuadras; nós chegamos con ilusión, para intentar facernos coa terceira Copa no palmarés e As Burgas quererá manter o seu historial chegando, coma o ano pasado, á final”, analizou a xogadora nada en Ourense.
A cita autonómica chega no descanso competitivo, con plena concentración para o cadro de Javier Pardeiro “en recuperar efectivos, dar descanso para as xogadoras que o precisan e preparar o que queda da primeira volta”, explicou a co-capitá laranxa. O III Campionato Mundial de Fútbol Sala Feminino de Portugal (3-9 de decembro) arrebátalles ás mariñás dúas importantes bazas para o compromiso copeiro, unha mingua da que, segundo Lucía, intentará beneficiarse o rival: “Non somos un cadro moi amplo, co hándicap engadido das ausencias de Peque e Jozi, a lesión de Haydee e o exceso de minutos de todo o vestiario. A liga estásenos facendo dura e o Cidade intentará aproveitar as circunstancias” vaticinou a burelista.
A outra semifinal entre o Leis Pontevedra, de Segunda, e o Ponte Ourense, de Primeira, decidirase simultaneamente á das laranxas.
Haydee
A ala-peche Haydee comezou cos exercicios de rehabilitación esta semana. Segundo informou o seu traumatólogo, José Antonio López Rodríguez, a xogadora viguesa, que pasou polo quirófano en outubro por unha tendinite rotuliana crónica no xeonllo dereito, poderá incorporarse aos adestramentos do equipo despois do Nadal, se non xorden contratempos.