MARIO COTO AGRADECE OS VOTOS RECIBIDOS NOS PASADOS COMICIOS CELEBRADOS NO REAL CLUB NÁUTICO DE RIBADEO E DESÉXALLES SORTE AOS GAÑADORES. O TRASPASO DE PODERES CON RAMÓN ACUÑA TERÁ LUGAR O VINDEIRO VENRES, 7 DE DECEMBRO, ÁS DOCE DA MAÑÁ.
Ribadeo, 5 de decembro de 2012. Mario Coto, presidente en funcións do Real Club Náutico de Ribadeo, fixo hoxe balance das eleccións celebradas o pasado 30 de novembro para renovar a directiva da entidade. Coto dixo que os socios decidiron o resultado, agradeceu os votos recibidos nesa convocatoria e deséxalles sorte aos gañadores. O presidente en funcións falou hoxe con Ramón Acuña, que tomará posesión do seu cargo o vindeiro venres, 7 de decembro, a partires das 12 do mediodía. Mario Coto está disposto a colaborar en todo o que a nova xunta directiva precise e gustaríalle que os proxectos iniciados tivesen continuidade.
Mario Coto manifestaba esta mañá que “houbo dúas candidaturas que concurriron ás eleccións, eu presentéime á reelección, e saiu elexido Ramón Acuña porque os socios así o quixeron, que son os que deciden quen debe ser o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, como non debe ser doutra maneira”. O presidente en funcións non contaba perder as eleccións, “pero unhas veces pérdense e outras gáñanse e hai que recoñecelo. Esto non é o traballo cotidiano de cada un, non é a empresa particular de cada dun, esto é unha entidade á que cada candidato se presenta pola súa vontade para coidar e defender aos socios do colectivo que sexa. Nós presentámonos e perdemos, ao igual que gañamos nas eleccións pasadas, o resultado foi o que foi”. Coto engadiu que “a vontade dos socios é notoria e agradézolles aos socios que nos votaron e aos que non o fixeron tamén a súa participación, seguiremos a ser amigos e seguiremos a pertencer á mesma entidade”.
Coto falou hoxe co presidente electo, “esta mañá, ás 10:30, falei con él, está de viaxe, quedamos para o venres ás 12:00 da mañá para o traspaso de poderes, con toda a normalidade, como non pode nin debe ser doutra maneira. A nova directiva está composta de xente con capacidade suficiente para levar o Real Club Náutico de Ribadeo, pero calquera cousa da que eu lles poida aportar algo ou si precisan preguntarme algo estarei á súa disposición”.
O primeiro que fará Mario Coto nesa entrega de poderes “é presentarlle a Ramón Acuña todos os proxectos que están en marcha. Creo que polo ben do clube deben continuarse, pero eso xa non está nas miñas mans, aínda que farei moito fincapé en que se poidan continuar”.
Mario Coto ten un desexo para o Real Club Náutico de Ribadeo de cara ao vindeiro ano, “o desexo para o 2013 é que o RCNR siga medrando e mellorando. Felicidades a todos os socios e á nova directiva”.