Luis Guillén tomará posesión do seu cargo como edil da corporación de Cervo no pleno do próximo martes
-Guillén será terceiro tenente de alcalde e ocuparase da Delegación de Deportes
Cervo, 12 de xaneiro de 2013-Luis Antonio Guillén Menéndez tomará posesión do seu posto como edil da corporación municipal durante o transcurso do pleno ordinario que se celebrará este martes día 15 ás 13:00 horas. O novo concelleiro, nacido en Avilés no 1969, residente en Sargadelos e traballador do departamento de Precipitación de Alcoa, asumirá as competencias da Delegación de Deportes e formará parte da Xunta de Goberno Local tras ser nomeado terceiro tenente de alcalde.
A súa entrada no executivo cervense para substituír a Tania González, que renunciara á súa acta por motivos laborais, fixo necesaria unha reorganización das competencias de goberno, da que se dará conta na mesma sesión plenaria. Deste xeito, despois de que Guillén quede á fronte da Concellería de Deportes, Yolanda Pedreira ocuparase das áreas de Facenda, Xuventude e Emprego, mentres o resto de edís manterán as competencias das que se encargaban ata o de agora.
En canto á Xunta de Goberno Local seguirá integrada polo alcalde, Alfonso Villares, o primeiro tenente de alcalde, José Manuel Balseiro, a segunda tenente de alcalde, Yolanda Pedreira e o novo edil.