O BNG DESTACA O TRABALLO DA “PLATAFORMA POLA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE” E DENUNCIA O POLITIQUEO IRRESPECTUOSO DO PP PARA COA MESMA
Como é sabido, en Ribadeo constituíse hai meses unha Plataforma cidadá de natureza plural e que conta co respaldo da Corporación para esixir, diante da Xunta de Galiza, a construción
dunha Residencia da Terceira Idade na nosa localidade.
Tal petición, argumentada na necesidade obxectiva detectada e apoiada cos datos dun estudo específico que se fixo ao respecto desde os servizos municipais, resulta da máxima prioridade para Ribadeo, e desde o BNG entendemos que é un tema que merece contar co consenso de todos os partidos e colectivos. É un tema que debe quedar á marxe das diferenzas
partidarias e debe resultar prioritario para todas e todos.
Por iso mesmo, o BNG de Ribadeo participou na manifestación celebrada hai meses na nosa vila con éxito notábel, e entendeu sempre que nesta cuestión o importante é que sexa a cidadanía -‐representada na Plataforma-‐ a que sexa protagonista central dunha reivindicación crucial para os nosos maiores.
E así mesmo o entenderon todo o resto de partidos, que declinaron facer política con esta cuestión e optaron responsable e acertadamente por traballar no seo da Plataforma e por facer á Plataforma a interlocutora principal diante das administracións.
O PP, infelizmente, vén de romper este consenso e xa comezou a tentar utilizar politicamente o tema. A sorpresa inicial lévanos á indignación posterior, polo fondo e polas formas. Pola prensa somos sabedores de que a Conselleira Beatriz Mato, que desprezara á Plataforma e aos seus representantes meses atrás, recibiu agora aos representantes das diferentes familias locais do PP para falar do tema. Alí foron Balseiro, Valín e López Penabad. Iso si, de costas á Plataforma veciñal creada na nosa vila, e coa esperanza de, á volta, poder vender algún favorciño en forma de recibimento institucional.
As formas, desde logo, volven reincidir no que o PP leva facendo desde hai tempo: a falta de respecto aos representantes oficiais do Concello e aos procedementos que o sentido común dicta nestes casos. Volven querer facer poliqueo e sacar proveito dun tema que é de vital importancia para Ribadeo e sobre o cal, ata que o PP o rompeu, existía total consenso entre
todos.
Neste sentido, desde o BNG incidimos no noso apoio á Plataforma pola Residencia da Terceira Idade. Primeiro, por ser o espazo plural no que nos sentimos representados, xunto con moitos outros veciños, partidos e colectivos, para a consecución deste obxectivo. Segundo, porque é
quen estivo traballando activamente –especialmente a Comisión veciñal inicial-‐ para o facer posible.
O BNG apoia totalmente o traballo da Plataforma e denuncia, xa que logo, que haxa quen queira politiquear co tema de forma irresponsable e pídelle ao PP que volva ao consenso existente.
Polo demais, suxerímoslle ao PP que se aclare. Hai tempo que en Ribadeo non se ten claro quen manda no PP da localidade. Ás veces parece que o portavoz municipal, o señor Valín, ás veces parece que os impetuosos voceiros Vega e López Penabad e ás veces parece que o voceiro mediático na prensa local, o señor García de Presno.
Sexa como for, o que ocorre é que non se poñen de acordo, e menos naquelas cuestións que son importantes para Ribadeo. A solicitude da Residencia da Terceira Idade é un exemplo perfecto neste sentido. Un concelleiro di que apoia, os outros que non e todos van xuntos a Santiago vender unha moto. En fin, oxalá volva o sentidiño á casa do Partido Popular de Ribadeo, polo ben de Ribadeo.
BNG de Ribadeo