Daquela morea de entusiastas piragüistas que en 2009 elevaron a Ribadeo ao máis alto do piragüismo galego, nas filas do Club de Piraguismo Altruán de Ribadeo quedan xa poucos do equipo que se proclamou Campión na Liga Galega de Veteranos.
Na diáspora están Ricardo Navarro, que leva xa dúas tempadas en Cambados, non sen antes deixar no Altruán un campionato e dous subcampionatos de España en pista e kaiak de mar en 2010 e 2011; David López Sampedro, leva xa tres no CK Baix Llobregat, ao que entregou o ano pasado un campionato catalán de inverno; Ángel Gómez, acaba de traer un bronce no Campionato Galego de Inverno ao C. Kaiak de Foz onde actualmente milita….
Definitivamente, se o Altruán quería este ano recuperar esplendores pasados, debía apostar forte reforzando as súas minguadas filas. Pois dito e feito. E ao grande.
Igual que na estoxadiza fábula cinematográfica onde Di Caprio proclamaba a súa soberanía sobre os mares, Ribadeo contará nesta recen iniciada tempada de Piragüismo co seu soberano particular das augas -algo menos procelosas, iso si-, aínda que neste caso a bordo dun kaiak de competición e coa a indubidable veteranía que dan 40 anos de ininterrompidos éxitos deportivos.
Dende que en 1971 se proclamou Campión de España en categoría Infantil, ata o ano pasado co ouro no Campionato do Mundo de Marathón en Roma 2012, a abarrotada folla de servizos de Alberto Campos Vilariño verdadeiramente estremece. É difícil encontrar en toda a provincia de Lugo testa máis coroada, ou máis propiamente dito laureada, que a da nova fichaxe do Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, con permiso de olímpicos coma o ribadense Pedro Cuesta ou Luís Gregorio R. Misioné.
Campión de España case consecutivamente en pista dende aquel 1971 ata 1985, orlou o seu currículo de sinaladas participacións co equipo nacional e unicamente se lle resistiu a cita olímpica, sen contar toda unha pléiade de notorios éxitos en Ligas estatais, galegas e provinciais, fosen en pista ou ríos deportivos, que unicamente unha panoplia tan sobresaínte como a de Alberto Campos pode relativizar.
Tras Barcelona´92 concluíu aparentemente a súa exitosa carreira no piragüismo, aínda no seu apoxeo, comezando outra nun campo diametralmente oposto: o golf; actividade na que de novo puido demostrar as súas innatas calidades deportivas, chegando a ocupar praza no selectivo nacional representando a España en diversas competicións internacionais.
Aquilo fora unicamente unha paréntese. Cando en 2010 retorna ao piraguismo de competición, agora na categoría máster ( comunmente denominada veteranos) Alberto Campos certificou que gusta aínda de facer as cousas ao grande: dous campionatos e un subcampionato de España en velocidade e maratón, aos que engadir o ouro do Europeo de Marathón en Paris 2011; como a cousa sóubolle a pouco, en 2011 compareceu en Milán e non quixo deixar o Campionato do Mundo de Marathon sen traerse a Lugo outro ouro en k2.
Así as cousas, este ano 2013 o aínda vixente Campión do Mundo de fondo acaba de fichar por un modesto, o Altruán de Ribadeo, buscando quizais o bo ambiente e a camaradaría que distingue este equipo, coa tranquilidade de carácter que confire non estar na obriga que demostrar xa nada máis.