A charanga da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo participará, por quinto ano consecutivo, no desfile de Entroido que se celebrará en Ribadeo o martes, 12 de febreiro. En total serán arredor de 80 persoas, dos 4 aos 70 anos, as que integren a charanga da que forman parte tanto o alumnado da propia Escola coma tamén pais, nais e os profesores e profesoras do centro. A temática escollida para o disfrace deste ano é de superheroes. O prato forte da charanga da EMMeD de Ribadeo será un ano máis a combinación de música e danza. A dirección e o claustro da EMMeD de Ribadeo sinalan que a participación no desfile do Entroido é “un xeito máis de achegar a Escola á vida social e cultural da vila e favorece a participación dos pais e nais nas actividades do centro”.
