CARME ADÁN ANUNCIA UNHA EMENDA DE 5 MILLÓNS DE EUROS AOS ORZAMENTOS XERAIS DA XUNTA PARA A AMPLIACIÓN E MELLORA DO HOSPITAL DA COSTA DE BURELA
A Mariña, 14 de febreiro de 2013. A deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galiza, Carme Adán, xunto con Antonio Veiga e Xoán Estúa, responsábel e viceresponsábel comarcal da formación nacionalista na comarca da Mariña, visitaron ao persoal do Hospital da Costa de Burela que está a secundar un feche simbólico para amosar o seu rexeitamento aos recortes que o Partido Popular está aprobando en materia sanitaria e defender os dereitos dos mariñáns.
Os nacionalistas trasladaron deste xeito o seu apoio ás reivindicacións e demandas da Xunta de Persoal do centro hospitalario e a Plataforma pola Sanidade Pública da Mariña que insisten na necesidade de manter a actual área sanitaria da Costa e mellorala. Neste senso, Carme Adán explicou que a “implementación do modelo de Xestión Integrada anunciado por Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade, provocará o retroceso da atención sanitaria na comarca a tempos pretéritos xa que o Hospital Universitario Lucus Augisti (HULA) dista máis de 100 quilómetros.”
“Ano tras ano, orzamento tras orzamento –continuou a parlamentaria do BNG- os mariñáns constatan como os recortes do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza tradúcense nunha perda de dereitos sanitarios e unha merma na calidade asistencial. Os recortes no orzamento do Sergas para este ano son brutais: 1,9 millóns en gastos de persoal e, unha vez máis, non contemplan a ampliación do Hospital. Estas contas son a demostración das mentiras do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e do Partido Popular na Mariña; entre todos prometeron até en seis ocasión a ampliación do centro hospitalario e non hai ningún sinal que garanta dita actuación en canto os orzamentos de 2013 consignan so 50.0000 euros para este fin.”
A este respecto, Adán concluíu anunciando que o Grupo Parlamentario do BNG presentou unha emenda a estas contas por valor de 5 millóns de euros para a ampliación e mellora do Hospital da Costa. “O Partido Popular ten agora a oportunidade de corrixir todas os seus desprezos á comarca da Mariña e, polo tanto, a todos os mariñáns, votando a favor desta emenda. O problema deste hospital non é o persoal, como se fixo crer nalgún intre, senón da nulidade e incapacidade da dirección do centro e da Xunta.”
Pola súa banda, Antonio Veiga insistiu en que o Bloque Nacionalista Galego seguirá a traballar para evitar que os populares continúen coa súa ofensiva desmanteladora da sanidade pública e denunciou que os 12,7 millóns de euros recortados no orzamentos deste ano con respecto aos de 2012 en atención primaria agoiran medidas dramáticas na asistencia máis próxima ao cidadán. “Cada recorte que se aproba é unha peza máis do puzzle do Partido Popular cara a privatización.”