Lugo, 20 de marzo de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou mañá no Museo de Lugo xunto á xerente da Rede Museística, Encarna Lago, o conxunto de actividades culturais que baixo o nome de Enredarte se van desenvolver na Rede Museística durante os días de lecer da semana santa.
Tal e como destacou o delegado de Cultura e Turismo, “haberá en todos os Museos da Rede actividades culturais de todo tipo, para nenos e nenas e adultos e, coma todas as actividades da Rede, totalmente gratuítas. Sen dúbida, ademais da intención cultural de todas estas actividades e obradoiros que se plantexan, esta programación ten unha importante compoñente social á hora de axudar ás familias lucenses na conciliación da vida familiar e laboral propoñendo actividades de lecer didácticas para todos os públicos”.
Mario Outeiro explicou que “algunhas das actividades están pensadas para nenos e nenas pero tamén para os seus pais e nais, e van desde a análise da significación dos diferentes traxes tradicionais até obradoiros da técnica de stopmotion para a creación de curtametraxes audiovisuais, a sensibilización sobre os recursos marítimos ou a introdución á fotografía para reconstruír unha cámara fotográfica de materiais reciclados”.
Pola súa banda, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, quixo destacar que “posiblemente non haxa museo que oferte unha cantidade tan ampla de actividades en días festivos e de lecer, algo que é de agradecer tamén a que o fai posible”.
En concreto, no Museo de Lugo organizaranse os obradoiros:
-Traxes de papel: 25 de marzo de 11:30 a 13:30h. para nenos e nenas de 8 a 12 anos no que descubrirán o papel da indumentaria como espello da cultura e a sociedade.
-Trocamos cultura, cambiamos de traxe: 25 e 26 de marzo de 11:30 a 13:30h para adultos e adolescentes, unha actividade multicultural de integración, intercambio e divulgación entre a cultura galega e outras culturas que conviven connosco a través das tradicións e traxes tradicionais.
-Obradoiro de stopmotion: 26 e 27 de marzo de 11:30 a 13:30h. para nenos/as de 8 a 15 anos, sobre a creación de audiovisuais mediante a técnica de animación de stopmotion.
-Sinais na pedra, dos petróglifos ás labras: 28 e 29 de marzo de 11:30 a 13:00h de 6 a 10 anos e o 30 e 31 de marzo de 11:30 a 13:00h. de 10 a 14 anos. Obradoiro de estudo e recreación da técnica para elaborar petróglifos.
Museo do Mar de San Cibrao:
-Peque-fotógrafos: 26 de marzo de 11:30 a 13:00h. para familias con nenos de 4 a 12 anos no que con materiais reciclados e témperas se recrea unha cámara fotográfica e se debuxa un negativo no que cadaquén contará unha historia imaxinada a través das salas do museo.
-Arriba periscopio: 29 de marzo de 11:30 a 13:00 h. para familias con nenos de 8 a 12 anos. Creación dun periscopio para analizar a través del as criaturas que habitan o mar e concienciar sobre a importancia de coidar o medio mariño.
Pazo de Tor:
-Obradoiro de stopmotion: 26 e 27 de marzo de 17 a 18:30 horas. Nenos e nenas de 8 a 15 anos.
-Contamos coa túa ollada: 31 de marzo a partires das 11:00 horas (3 horas aprox. de duración) para familias nas que os participantes deberán pintar o Pazo trala súa ollada ao mesmo, formando a observación, a pintura e sentimentos.
Museo fortaleza de San Paio de Narla:
-Obradoiro Peque-fotógrafos: 25 de marzo de 17 a 19:00 h. para familias con nenos de 4 a 12 anos.
– Trocamos cultura, cambiamos de traxe: 28 de marzo de 12 a 14:00 horas para adultos e adolescentes.