Ribadeo, 21 de marzo de 2013. En abril dará comezo o plan de formación elaborado por ACISA para ofrecerlles aos seus socios. Nas vindeiras semanas impartiranse tres cursos: manipulador de alimentos en hostalería, manipulador de alimentos en comercio e prevención de riscos laborais para o desenvolvemento de funcións (nivel básico).
Será a empresa Álvarez Real, asociada de ACISA, a que se encargue de impartir ditos cursos, tralo convenio asinado fai uns meses coa Asociación de Comerciantes, Industriales, Servicios e Autónomos de Ribadeo.
O curso de manipulador de alimentos en hostalería impartirase o vindeiro 8 de abril en horario de 16:30 a 19:30 horas nas instalacións de ACISA, na Avenida de Galicia, nº 20 de Ribadeo. “O obxectivo principal deste curso é formar ao alumno nas normas para unha correcta manipulación de alimentos, cumprindo os requisitos necesarios para evitar toxi-infeccións alimentarias. Os obxectivos específicos do curso, serán, coñecer as formas máis comúns de contaminación de alimentos e as formas preventivas necesarias para evitalas. Tamén se tratarán as enfermidades máis comúns producidas polo consumo de alimentos en mal estado, cales son as prácticas e normas de hixiene necesarias para conservar os alimentos en bo estado e coñecer as formas de hixiene do local e as dependencias onde se manipulan os alimentos”, segundo explican desde Álvarez Real. Os interesados en asistir poden inscribirse ata o vindeiro mércores, 27 de marzo.
O 15 de abril comezará a impartirse o curso de prevención de riscos laborais para o desenvolvemento de funcións (nivel básico). O obxectivo é conseguir que os alumnos adquiran os coñecementos básicos sobre a prevención de riscos laborais e así poder detectar, evitar, corrixir e previr os problemas que poidan poñer en perigo a saúde e integridade persoal dos traballadores. Dito curso combina 6 horas presenciais distribuídas en dúas xornadas, o 15 e o 22 de abril de 16:30 a 19:30 horas, con 24 horas de formación a distancia. A data límite para inscribirse será o 5 de abril.
E o seguinte curso será o de manipulador de alimentos en comercio, que terá lugar o 29 de abril en horario de 16:30 a 19:30 horas. Para acudir será posible realizar a inscrición ata o 19 de abril.
As inscricións para acudir a calquera dos tres cursos mencionados realizaranse nas oficinas de ACISA, a través da seguinte dirección de correo electrónico: info@acisaribadeo.es ou chamando ao teléfono 982 120 565.
Desde a directiva de ACISA sinalan que “os cursos se impartirán en luns para poder facilitar a asistencia aos nosos socios. Esas xornadas o comercio pecha e as tardes tamén son máis tranquilas na hostalería”.