Burela, 16 de marzo de 2013.- O equipo de goberno burelés non está disposto a que se dubide do traballo que se está a facer para que o PXOM posibilite a ampliación do Hospital. Así, encabezado polo alcalde, José María González Barcia, o equipo de goberno practicamente ó completo, co apoio de membros do partido a nivel local e xunto co parlamentario autonómico Vidal Martínez-Sierra e o deputado nacional Jaime de Olano, compareceu hoxe en rolda de prensa no propio párking do Hospital de Burela para deixar claro que “o PXOM é a ferramenta de planeamento e desenvolvemento urbanístico que facilita a ampliación do Hospital, e reiterou que, se non hai atrancos importantes, o PXOM pode estar aprobado definitivamente antes de finais de ano”.
Barcia afirmou que “os membros da denominada plataforma en defensa da sanidade, incluído o propio Alfredo Llano, non teñen nin idea do PXOM de Burela, e polo tanto deberían estar caladiños ó respecto, porque o que están a dicir, en público e en privado, sobre o PXOM, só busca confundir e enganar ós veciños e veciñas deste concello e da Mariña en xeral”.
O alcalde burelés puxo datos sobre da mesa: “o PXOM aprobouse inicialmente hai algo máis dun ano. O oito de maio do ano pasado rematou o prazo de exposición pública e polo tanto o prazo de alegacións, que foron tratadas nun pleno celebrado en novembro. A estas alturas, só nos queda recibir un informe, o de Patrimonio Cultural, sendo todos os demais, incluído o de Fomento, favorables ó documento aprobado inicialmente. Deste xeito, cremos que podemos enviar o documento á Xunta para a redacción da memoria ambiental na segunda quincena de abril, co que podería ser aprobado provisionalmente a principios do verán. Remitido de novo á Xunta, podería estar aprobado definitivamente a finais de ano, o que encaixa perfectamente na planificación da ampliación deseñada pola Xunta de Galicia”.
González Barcia considera que “está fóra de lugar dicir que a tramitación do PXOM pode demorarse anos; iso só quere dicir unha cousa, que a denominada plataforma está completamente desnortada, non lle vale nada do que se poida dicir ou facer, buscando desesperadamente argumentos falsos para xerar confusión entre a cidadanía, e descualificar o traballo de quen ten a responsabilidade de gobernar”.
Desde un punto de vista técnico, o alcalde burelés volveu poñer datos enriba da mesa: “a superficie total destinada na actualidade ó hospital, incluído o aparcamento no que nos atopamos, é duns 37.000 metros cadrados. No PXOM contémplanse outros 61.000 m2 adicionais e a posibilidade de contar con case outros 20.000 m2 máis para aparcamentos, grazas a un ambicioso proxecto, contemplado no propio PXOM, que permitiría unir a zona hospitalaria co Perdouro. É dicir, podemos falar dun total de 118.000m2, en números redondos, de solo dotacional en principio destinado á ampliación do hospital e zonas de aparcamento e viais. E isto por iniciativa do PP, porque o documento que nos atopamos no concello cando chegamos ó goberno municipal hai vinte meses non contemplaba nada do que estamos a dicir”.
González Barcia tamén foi rotundo con respecto ó informe emitido por Fomento: “algún membro da denominada plataforma anda dicindo por aí que Carreteras do Estado, é dicir, o Ministerio de Fomento, non deixa ampliar o Hospital. Quen diga iso, está mentindo. O informe da Dirección General de Carreteras do Ministerio de Fomento emitido en decembro de 2012 é favorable á proposta recollida no PXOm de reducir a afectación da variante de 100 metros a 25 metros lineais, e a tal efecto adxuntamos informe emitido ó respecto polo equipo redactor do PXOM”. Pero Barcia non parou aí: “os da denominada plataforma o que non din é que o que imposibilitaba a ampliación do Hospital era o informe emitido por Fomento sendo ministro José Blanco, en novembro de 2010, e que o anterior alcalde, Alfredo Llano, tivo metido non caixón durante catro ou cinco meses. Este señor non fixo absolutamente nada, como nel é habitual, para solventar ese asunto. Foron este alcalde e o PP quenes a base de traballo resolvemos a situación favorablemente para Burela e para a ampliación do Hospital. Só lembrar que baixar a afectación da variante supón liberar unha franxa de setenta e cinco metros de ancho por catro mil douscentos metros de largo, ou sexa, liberar aproximadamente 315.000m2. O informe emitido polo ministerio de José Blanco era desfavorable ó PXOM do noso concello, así de claro”.
Finalmente, González Barcia manifestou que “dá pena ver como algúns se arrastran miserablemente detrás da mentira e do engano para sacar rédito político; e aínda dá máis pena cando ves que un deles é o anterior alcalde socialista, que cando menos debería de ditarlles prudencia ós seus compañeiros da denominada plataforma á hora de falar do PXOM de Burela. Non o pode facer porque o PSOE de Burela votou en contra da aprobación inicial do PXOM do noso concello e votou en contra de resolver as alegacións. Polo tanto, e tendo en conta que o PXOM posibilita a ampliación do Hospital, o PSOE burelés votou en contra desa ampliación, o que quere dicir que non queren porque non lles interesa politicamente”.