“González Barcia dálle as costas aos veciños e veciñas de Burela e deixa marchar a Lugo a xestión do Hospital da Costa”.
“A visita do presidente da Xunta a Burela foi un insulto a todos os veciños e veciñas”.
“Barcia, ao igual que Feijoo, mete máis medo polo que cala que polo que di, porque cando di algo, temos a certeza de que fará todo o contrario do que dixo, e pola contra, cando non di nada, sabemos que algo malo nos oculta”.
O Consello Local do BNG, en reunión mantida esta mesma semana valorou de xeito moi negativo a perda de autonomía do Hospital da Costa, que pasará a estar xestionado desde Lugo. O BNG de Burela manifesta o seu total desacordo coa Área Sanitaria Integrada de ámbito provincial que nos impuxo o presidente da Xunta, facendo caso omiso á multitude de voces que reclaman a xestión autónoma do Hospital da Costa. A nova organización suporá un grande retroceso na asistencia sanitaria e un grave trastorno para a veciñanza de Burela e de toda A Mariña, que se verá afectada pola perda de servizos e estará obrigada a desprazarse a Lugo como acontecía hai case trinta anos.
Ante unha cuestión tan importante como esta, o alcalde de Burela, quen se supón que debe estar á cabeza na defensa dos intereses da nosa vila e dos veciños e veciñas, está a actuar irresponsablemente. No canto de velar polo ben colectivo e das maiorías, está a ser cómplice da barbaridade que se está cometendo con Burela e con toda a comarca. O Sr. Barcia está fóra de xogo e aínda non se decatou, ou máis ben non se quixo decatar da gravidade do problema. O que está claro é que prefire calar e facer o que lle mandan no seu partido que dar a cara polo ben de todos e todas.
En palabras de Neves Cando, portavoz municipal do BNG, “é realmente triste que o Sr. alcalde non traballe polo interese xeral dos veciños e veciñas de Burela nun tema de tanta importancia como é a atención sanitaria. O Sr. Barcia antepón os seus intereses partidarios ao interese xeral, aínda que estes vaian en detrimento dos servizos públicos básicos. O silencio do alcalde nunha cuestión fundamental para o benestar de toda a veciñanza non se explica se non por unha postura covarde e de total seguidismo aos recortes e á austeridade que lle marcan desde a Xunta de Galiza”.
Por outra banda, desde o propio Consello Local do BNG cualificamos como “un auténtico insulto aos burelaos e burelás o congreso que o PP provincial celebrou na nosa vila, xusto unha semana antes de que o presidente da Xunta anunciase a Área Sanitaria Integrada dependente de Lugo. Consideramos que foi unha burla en toda regra a visita a Burela da ministra, varios conselleiros e mesmo o presidente da Xunta, o Sr. Feijoo, que nos veu vender a ampliación do Hospital como un grande logro da xestión do PP”. Para Neves Cando, “viñeron anunciar a ampliación do Hospital e calaron sobre a súa xestión, cando xa tiñan decidido o seu futuro inmediato. O Sr. Barcia, anfitrión do congreso e mestre de cerimonias, cansouse de anunciar nos medios a celebración do congreso provincial do PP como un grande logro para Burela, cando o verdadeiro logro sería que o Hospital da Costa manteña a súa autonomía e a partir de aí poda ver ampliados e mellorados os seus servizos”. Segundo a concelleira nacionalista, “Barcia, ao igual que Feijoo, mete máis medo polo que cala que polo que di, porque cando di algo, temos a certeza de que fará todo o contrario do que dixo, e pola contra, cando non di nada, sabemos que algo malo nos oculta”.
Como sempre, os máis prexudicados seremos os veciños e veciñas de Burela, que nos veremos afectados pola perda de servizos básicos ante a pasividade dun alcalde que só pensa no seu interese persoal e en cumprir todo o que lle ordenen desde a cúpula do seu partido. O BNG continuará a traballar polos servizos públicos básicos e polo interese xeral dos veciños e veciñas de Burela e insta ao alcalde a que comece a traballar de inmediato pola autonomía do Hospital da Costa e polo futuro de Burela e dos nosos veciños e veciñas.