O próximo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Observatorio da Mariña pola Igualdade celebrará o seu quinto aniversario de andaina feminista pola Mariña de Lugo. Nestes cinco anos de traballo, leváronse a cabo numerosas actividades nas distintas localidades mariñás, sempre pensadas en prol da igualdade. Charlas-café desde un punto de vista de xénero sobre temas de actualidade, presentacións de libros das nosas escritoras, vídeo-forums para coñecer a situación das mulleres doutras culturas e para visibilizar o traballo das directoras de cinema, campañas e proxectos cos IES mariñás para previr a violencia de xénero no alumnado de secundaria, cursos de fotografía dixital,o concerto Músicas e letras en feminino, para valorar o traballo das artistas da zona, diversas campañas informativas, denuncias públicas, etc.
Co lema “Compartindo loitas coas traballadoras do fogar. 5 anos na defensa da igualdade”, o Observatorio adícalle o Día Internacional das Mulleres 2013 ás traballadoras do fogar e organiza un acto informativo o próximo sábado 9 de marzo, ás 17.00h na Casa das Letras de Ribadeo, sobre a situación deste colectivo indefenso e triplemente explotado: por mulleres, por traballadoras e por exercer un traballo non visibilizado, non equiparado en dereitos no réxime xeral de traballador@s e, polo tanto, ao que se lle cuestiona o carácter de profesión.
No acto contarase con Mar García Pombo, avogada laboralista que fará un repaso pola situación das traballadoras do fogar e dará a coñecer as novas modificacións no réxime deste colectivo que entraron en vigor neste 2013, após das xa realizadas o pasado 1 de xaneiro do 2012.
O colectivo das traballadoras do fogar sempre estivo na axenda do Observatorio da Mariña pola Igualdade. De feito, o primeiro acto que organizou o Observatorio, fai agora cinco anos, foi unha charla informativa para as traballadoras do fogar en Ribadeo e Burela da man da Asociación de Empregadas do Fogar de Compostela Xiara. E o ano pasado, por mor das modificacións na regulación das traballadoras do fogar que entraron en vigor o 1 de xaneiro, organizáronse de novo charlas e levouse a cabo unha importante campaña de información da nova lexislación por toda a Mariña.
Para o Observatorio o 8 de marzo é unha data de celebración, por ser o día Internacional das Mulleres e por cumprir anos de vida a asociación, máis tamén é unha data reivindicativa polos dereitos das mulleres que aínda quedan por conseguir.