Mondoñedo, 4 de marzo de 2013- Os veciños da parroquia de Vilamor trasladáronlle de novo ao Partido Popular que o goberno local segue sen atender as súas reivindicacións, pese a advertencia feita pública polos populares fai máis de catro meses e a petición trasladada ao bipartito de cumprimento das súas responsabilidades e de atención das demandas veciñais.
Así lle lo comunicaron aos populares no marco da reunión que o partido local mantivo esta fin de semana con veciños da parroquia de Masma para informar aos afectados no proceso de concentración parcelaria, especialmente aos propietarios de terreos localizados en torno ao Castro das Penelas, tralas denuncias de asociacións ecoloxistas.
Tal e como xa fixeron público en outubro do pasado ano; os populares explican de novo que os veciños da parroquia de Vilamor levan tempo solicitando o tapiado dun sumidoiro aberto dende fai anos, dada a perigosidade que entraña para os transeúntes da zona. A falta de resposta por parte do goberno local incluso obrigou aos propios veciños a ter que sinalizar o sumidoiro cuxa tapa leva rota anos para evitar posibles accidentes.
Así mesmo, a desatención coa parroquia de Vilamor tamén se pon de manifesto na falta de sinalización vial nun cruce de cinco camiños de titularidade municipal moi transitado. Segundo trasladaron aos populares, os veciños esixiron en numerosas ocasións a dotación de sinais nesta intersección dada a peculiaridade do cruce no que conflúen cinco estradas, incrementando a posibilidade de colisión debido a carencia de indicacións.
O PP local teme que o PSOE e o BNG non leven a cabo as actuacións pertinentes ata que non ocorra unha desgracia persoal. Os populares lamentan a falta de responsabilidade coa que o rexedor mindoniense está a tratar estes temas, despriorizando as necesidades do rural. Os populares esíxenlle ao rexedor municipal que cumpra coa súa responsabilidade e atenda ás demandas trasladadas polos mindonienses.
O Grupo Popular de Mondoñedo critica a reincidencia de Orlando González e o seu goberno no pasotismo ante as necesidades de conservación das infraestruturas do rural mindoniense de titularidade municipal.