A Casa da Xuventude acollerá do 23 ao 26 de abril un curso de emprendemento feminino, organizado polas Concellarías de Igualdade e Desenvolvemento Local. A cita está enmarcada dentro do programa Ribadeo emprende.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, indicou hai uns días que “estamos a traballar dun xeito transversal e colaboración entre as diferentes concellarías. Primeiro foi entre Mocidade e Desenvolvemento e agora Igualdade e Desenvolvemento para ir abordando os diferentes colectivos dun modo máis específico. No caso das mulleres sabemos que para moitas delas a opción do emprendemento é unha das saídas ao mercado laboral”. A edil nacionalista entende que “non debe ser unha saída a calquera prezo, senón que debemos ir traballando valores e actitudes capaces de estimular a innovación, a creatividade, o traballo en rede e o emprego das tecnoloxías, en xeral esas novas tendencias que hai dentro do campo do emprendemento, a través das que queremos ir fomentando unha dinámica creadora de futuro e que poidamos construír entre todos e entre todas”.
Con este curso de emprendemento feminino “o que queremos é fomentar o micro emprendemento, que simbolice actitudes positivas e activas ante as dificultades que estamos a vivir nestes momentos, que cre unha intelixencia colectiva, que fixen a mirada na importancia da igualdade e que ao tempo se atopen novos sectores e novas formas de facer unha economía para as persoas”, engadiu Martínez.
O curso, no que participarán unha ducia de mulleres, desenvolverase do 23 ao 26 de abril en horario de 16 a 20 horas na Casa da Xuventude.
A concelleira de Desenvolvemento Local subliñou que “o curso é gratuíto e animamos a todas cantas mulleres queiran participar a inscribirse nel. Estará composto de catro xornadas nas que abordaremos: aprender en tempo de crise, o autoemprego; a importancia da marca persoal do emprendedor; o marketing dixital, grandes recursos para lanzar o noso negocio a prezo asequibles; exemplos reais e casos prácticos e remataremos ese último día cunha mesa coloquio”.
O curso foi presentado a principios de abril no salón de plenos do Concello polas concelleiras de Igualdade e Desenvolvemento Local, Ana Martínez e Mariluz Álvarez Lastra.