Santiago de Compostela, 18 de abril de 2013.- A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar máis unha vez os innumerábeis atrancos que no día a día sofre o galego na UNED, institución estatal amplamente subvencionada por concellos e deputacións galegas, alén de polos impostos que pagamos todas e todos, e amousou o seu apoio ao estudantado que reclama unha presenza real da nosa lingua nesta universidade pública.
A Mesa salientou que a exclusión do galego na universidade a distancia incumpre sistematicamente o estabelecido nos seus vixentes estatutos. Así, o artigo 5 dos estatutos da UNED sinala que esta asume como unha das súas “misións fundamentais” o “apoio ás linguas e culturas de España” polo que sinala que entre as súas actividades “b) Potenciará a docencia e o coñecemento das linguas oficiais españolas, tanto en España como no exterior”, “c) Incorporará progresivamente as linguas oficiais españolas ás páxinas web e demais publicacións da Universidade, especialmente en Comunidades con dúas linguas oficiais, cuxos Centros Asociados propiciarán a convivencia enriquecedora das dúas linguas en todas as súas actividades” e “d) Propiciará de forma progresiva que os estudantes poidan ser titorizados na lingua oficial que desexaren”.
No entanto a día de hoxe o galego é totalmente invisíbel nos centros asociados da UNED en Galiza, non só nas súas actividades senón mesmo na sinaléctica dos centros. A páxina web só é accesíbel en inglés e español e por suposto non hai opción de escolla lingüística nas titorías. Porén non é só que o galego estea totalmente excluído desta universidade pública, senón que nin tan sequera é ofertado nin recoñecido á hora de convalidar materias. Unha estudante de filoloxía inglesa denunciou ante a Mesa que a UNED se negaba a convalidarlle o primeiro ciclo que estudara na USC porque na universidade compostelá escollera a materia de lingua galega e non española como troncal. Nin sequera puido convalidar as horas de galego como créditos optativos xa que a día de hoxe os estudantes dos graos de linguas non teñen a posibilidade de cursar as materias de lingua e literatura galegas nos seus planos de estudo, coa excepción do Grao de Lingua e literatura españolas que si oferta unha materia de linguas cooficiais.
Outras das queixas habituais do estudantado céntranse na prohibición de presentaren traballos en galego co pretexto de seren corrixidos en Madrid, cando moitas veces existe profesorado da UNED competente nos centros asociados en Galiza, ou mesmo na utilización de topónimos galegos deturpados nos manuais e libros de texto editados pola institución. Carlos Callón sinala que hai unha grande parte do estudantado que non pode utilizar a súa lingua na UNED. “Esta universidade pública, na medida en que ten entre os seus ámbitos de actuación o de Galiza, está obrigada a recoñecer a oficialidade do galego. Non pode continuar manténdose de costas á realidade plurilingüe do Estado”.
Neste sentido A Mesa pola Normalización Lingüístico saudou a iniciativa de Roberto Otero Ledo, quen decidiu presentar a súa candidatura ás eleccións de delegados preocupado polo esquecemento que se dá da realidade plurilingüe do Estado no funcionamento desta universidade. Roberto Otero Ledo licenciouse en Filoloxía Inglesa pola UNED e na actualidade estuda o Grao de Literatura e lingua española, compaxinando os estudos da universidade a distancia co traballo e o coidado das súas dúas fillas. “O galego, malia non ser recoñecido nin tolerado pola UNED, é a nosa lingua propia, e asemade cooficial” sinalaba nun correo dirixido ao estudantado para aprensentar a súa candidatura. Deste xeito o seu programa céntrase na defensa da igualdade e presenza do galego e do resto de linguas cooficiais na universidade de educación a distancia.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, salientou a importancia de que o estudantado se mobilice para que se recoñezan os seus dereitos lingüísticos e non se resigne a ver a súa lingua sistematicamente excluída. Neste sentido Callón lembrou o exemplo da batalla administrativa e política que lle cumpriu ao crítico cangués Heitor Mera para poder ler a súa tese de doutoramento sobre a vida e obra de Bernardino Graña en galego, unha importante loita que chegou ao Congreso dos Deputados para que se revocase a normativa da UNED que impedía admitir teses en galego, catalán ou euskera e que porén non puña impedimento para as admitir en francés, inglés ou alemán.
Cómpre termos en conta que na actualidade a UNED é a única opción que teñen moitas galegas e galegos de accederen ao ensino universitario, xa que a implantación do Plan Boloña coa obrigatoriedade de asistencia a aulas fai imposíbel compatibilizar o traballo coa ampliación de estudos superiores nas universidades galegas. Por este motivo o estudantado da UNED reclama poder acceder á educación superior sen ter que renunciar á súa lingua, unha reivindicación apoiada pola Mesa que continuará a traballar para que a ningún ou ningunha estudante se lle negue o dereito de estudar en galego.




















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



