Cursos de iniciación gratuítos, eliminación dos gastos de inscrición, un profesor profesional, presenza nas redes sociais e unha nova web son algunhas das accións postas en marcha.
A nova directiva do Club de Golf Lugo, que preside Ignacio Somoza Vila, presentou este martes, 9 de abril, o proxecto deportivo e social para esta tempada e que persegue o achegamento do club e da práctica do golf en xeral á sociedade lucense.
Para lograr estes obxectivos, a nova dirección do club oferta distintas opcións para que os interesados poidan coñecer o golf sen unha obrigatoriedade formal coa entidade. Entre outras medidas, suprímense as cuotas de entrada e rebáixanse á metade as primeiras cuotas, tanto para o abonado como para a súa parella e fillos. Esta política de prezos aplicarase durante este ano co obxectivo de abrirse a novos abonados, especialmente aos nenos. De feito, o Club de Golf Lugo conta cunha Escola Infantil na que os menores de 18 anos poden iniciarse no golf desde 20 euros ó mes (4 euros a hora), tanto os socios do club como os non socios, así como contar con dereitos para o uso do campo.
O apartado de formación é outro dos piares fundamentais do proxecto da nova directiva do Club. Os interesados en aprender a xogar ó golf poderán facelo da man de Gonzalo Guisasola, xogador profesional deste deporte que leva no mundo da formación desde os 18 anos. Cunha metodoloxía vangardista, adáptase aos distintos grupos de idade que se forman no club para a ensinanza deste deporte. As clases para os nenos estanse centralizando na actualidade nas xornadas de sábado, para adaptarse aos horarios escolares. Cos adultos a variedade é maior para adecuarse tamén ás distintas xornadas laborais.
Outra das liñas de traballo do grupo é unha aposta polas novas tecnoloxías cunha remodelada web que se actualiza diariamente co calendario deportivo do club, os resultados dos torneos e as informacións que se van producindo na institución. O obxectivo foi deseñar un servizo web dinámico e moderno, acorde coas expectativas dos membros do club e dos xogadores que se achegan a disputar as distintas competicións no campo lucense. Asimesmo, dispón, totalmente actualizadas, das distintas ofertas que fará o club para socios, non socios e interesados no golf en xeral.
Paralelamente, óptase polas redes sociais como canal de comunicación directo cos seus abonados e seguidores. O Club de Golf Lugo mantén aberta unha páxina de Facebook e conta propia en Twitter.
Ademais, o calendario deportivo que se está pechando, contempla competicións para todos os niveis durante practicamente todas as fins de semana de abril a novembro, algúns delas, como a celebrada o pasado sábado, englóbase dentro de circuítos nacionais.