A COMARCA DEIXARÁ DE CONTAR CON CAPACIDADE PARA XESTIONAR RECURSOS ECONÓMICOS, HUMANOS, INFRAESTRUTURAS E PRESTACIÓNS SANITARIAS DA ÁREA SANITARIA MARIÑÁ QUE PASARÁN A DIRIXIRSE DENDE LUGO.
A PLATAFORMA DARÁ CURSO MEDIANTE REXISTRO NO PORTELO ÚNICO EN BURELA DOS MILLEIROS DE SINATURAS DE MARIÑAOS E MARIÑÁS PROMOVIDA POR PERSOAL DO HOSPITAL DA COSTA QUE PIDEN UNHA ÁREA DE XESTIÓN INTEGRADA PROPIA PARA A COMARCA.
ANUNCIAN VARIAS INICIATIVAS ENTRE ELAS A PRESENZA NOS PLENOS ONDE SE DEBATAN INICIATIVAS SOBRE O ASUNTO.
A Mariña, 5 de marzo de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña integrada en SOS Sanidade Pública que agrupa na comarca a organizacións de doentes, veciñais, culturais, organizacións políticas e sindicais saíu hoxe ao paso da publicación no DOG do Decreto de Xestión Integrada de Lugo que consuma a traizón dos compromisos adquiridos polo SERGAS e o Pte. da Xunta en 2010 para que a comarca contara cunha xerencia de seu con capacidade para decidir sobre recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos da área Sanitaria, do Hospital da Costa e os centros de saúde. O Decreto establece con claridade a existencia xerentes executivos en Burela e Monforte que estarán ao que dispoña o novo xerente de área integrada con dirección en Lugo. A Plataforma anunciou que o próximo martes ás 11:00 no portelo único do Concello de Burela dará rexistro aos milleiros de sinaturas recollidas na iniciativa promovida por persoal do Hospital da Costa reclamando unha área de xestión integrada propia. Igualmente anunciou varias iniciativas entre elas a presenza nos plenos da comarca onde se debatan iniciativas relacionadas con este tema.