Burela, 11 de abril de 2013. A Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela organiza por segundo ano consecutivo a carreira solidaria dentro do programa de UNICEF El agua nos lleva a la escuela: Gotas para el derecho a la educación.
Segundo explica a concelleira Patricia López Eijo “a carreira levarase a cabo o vindeiro 19 de abril, e a saída estará situada na explanada de entrada á Escola Infantil da nosa localidade, ás 12 da mañá. Os interesados en participar só teñen que mercar un dorsal, no punto de saída, por un euro. Pero se alguén non pode ou non quere correr, tamén pode colaborar facendo a súa aportación económica nunha mesa informativa que atoparán á entrada do Centro de Saúde este venres, 12 de abril, en horario de 9:00 a 13:30 horas”. A edil de Medio Ambiente engadiu que “todo o recadado será doado a UNICEF co obxectivo de lograr que a poboación máis vulnerable teña acceso á educación”.