O deputado autonómico destaca que nos últimos días lle fixo entrega ao conselleiro dunha carta na que lle lembraba o compromiso acadado polo Parlamento en xaneiro para oficializar a ruta, e que falou con Anxo Lorenzo para que atendesen aos requerimentos da organización que defende o Camiño
Vicente Docasar espera que “esta reunión vaia máis aló dunha foto e se materialice canto antes” e comprométese a “velar polo cumprimento do acordo do Parlamento no menor tempo posible”
O deputado autonómico do PSdeG Vicente Docasar celebra que o conselleiro Jesús Vázquez “se lembre agora do Camiño Sur e tivese a ben reunirse coa asociación que defende a ruta de peregrinación a Santiago pola Ribeira Sacra despois da moción presentada no Parlamento polo PSdeG, que foi aprobada por unanimidade” e tras “a insistencia e os trámites realizados nos últimos días”. Docasar asegura que nas últimas datas el mesmo lle entregou unha carta ao conselleiro lembrándolle o compromiso contraído pola Cámara Galega o pasado mes de xaneiro para oficializar a ruta do Camiño Sur ou Camiño de Inverno, e falou con Anxo Lorenzo para que a Xunta atendese aos requerimentos que leva defendendo desde hai anos a asociación lucense.
Vicente Docasar espera que “esta reunión e o compromiso do conselleiro vaia máis aló dunha foto e se materialice canto antes”, aínda que lamenta que “o acordo acadado no Parlamento non poida cumprirse nun prazo de seis meses, tal e como acordaron todos os grupos da Cámara”. O socialista advirte de que desde o PSdeG fiscalizarán os pasos que dea o Goberno galego neste sentido e comprométese a “velar polo cumprimento deste acordo únánime no menor tempo posible”.