Os socialistas pedirán explicacións nos Plenos despois de que os gobernos locais destes municipios non se acolleran a un plan provincial que non supón custo para o Concello e que pode supoñer un 20% de aforro no gasto eléctrico
O PSdeG de Lugo anuncia que o grupo socialista pedirá explicacións nos vindeiros Plenos municipais de Meira, Palas, Sarria e Cervo despois de coñecer que os gobernos locais destes municipios rexeitaron sumarse ao plan da Deputación que ofrece revisar de xeito gratuíto a facturación eléctrica aos municipios que integran o Clube dos Renovables, e que pode supoñer un 20% de aforro na factura do gasto enerxético local. “Non entendemos as razóns que levan a estes
concellos a rexeitar unha iniciativa que non supón ningún custo para as arcas municipais e que é unha oportunidade para o aforro de enerxía”, afirman os socialistas, que ven nesta decisión “unha irresponsabilidade e unha oportunidade perdida” que amosa “razóns que deixan nun segundo plano as necesidades e as melloras da calidade de vida dos veciños e veciñas destas localidades”.
O plan da Deputación provincial revisa gratis a facturación eléctrica para que os concellos obteñan o máximo aforro no gasto eléctrico e eviten posibles situacións de abuso por parte das compañías. A institución luguesa asume todos os custos, realizando estes traballos con medios propios. Técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, posta en marcha con fondos da Unión Europea, realizan estudos personalizados e ofrecen asesoramento in situ a cada un dos municipios adheridos. Os concellos evitan asimismo investir os 5.000 euros que, segundo os prezos do mercado, custa a revisión e control da facturación eléctrica. Ademais, un Concello medio da provincia con 5.000 habitantes, que paga ao ano 200.000 euros pola luz, pode aforrar con esta iniciativa un máximo 40.000 euros.