CERVO, 4 DE ABRIL. Os socialistas de Cervo esíxenlle ó goberno local que axilice os trámites para a adaptación dos locais da Casa do Mar co fin de reubicar aquí o Punto de Atención Infantil pois, “levan tres anos dicindo que están realizando as xestións oportunas pero non vemos ningún resultado”.
Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que “xa no ano 2010 aprobamos por unanimidade nun pleno de Cervo solicitar á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cesión dos locais da Casa do Mar. Dende un principio houbo problemas, independentemente da cor política dos diferentes gobernantes, pero o caso é que se nos acusou de manexar unha man negra para que isto non saíse adiante. Primeira incoherencia, pois nós mesmos votaramos a favor da moción”.
Pasadas as eleccións municipais e xerais do 2011, o alcalde, Alfonso Villares, mantivo unha reunión co novo director da Tesourería Xeral e fartos de esperas, en xaneiro deste mesmo ano “volvemos a preguntarlle cales foran as últimas xestións sobre o asunto, a desculpa segue sendo a mesma”.
Por un lado, os socialistas piden “que o PP de Cervo se desculpe con nós xa que se falou de man negra cando evidentemente o tempo demostrou que nós non tiñamos nada que ver neste tema. Pasaron polos diferentes gobernos políticos de moitas cores e seguimos na mesma situación”.
Pretenden deixar “ben claro que o interese do GMS é o mesmo que tivemos sempre, que estes locais poidan dar un servizo ós veciños de Cervo. Cal mellor que reubicar aquí o PAI, actualmente está nun lugar antigo e obsoleto, o cambio sería positivo pola seguridade dos seus usuarios, nenos de 0 a 3 anos”.
Por outra banda, os membros do PSOE subliñan que “o 25 de xaneiro pedimos explicacións, o 5 de febreiro din que están a realizar as xestións oportunas e o 7 de febreiro vemos como a alcaldía pide ó rexistro da propiedade de Viveiro un certificado para coñecer a titularidade da parcela onde se atopa a Casa do Mar”.
Xa entrados no mes de abril, os socialistas din que “pasado un tempo prudencial, para que non se nos tache de oportunistas como adoita ser habitual, seguimos sen ver ningún froito e aínda por riba, queda máis ca demostrado que este equipo de goberno só actúa cando o GMS lle pide contas da súa xestión”.
Case tres anos despois dende que solicitamos por unanimidade solucionar este asunto, seguimos igual, “nin a señora Pilar Armada nin a señora Yolanda Pedreira, que levantaron o falso testimonio dunha man negra, foron quen de facer posible que os nosos veciños se poidan beneficiar destes locais e continuemos sen darlle ningún uso ás instalacións da Casa do Mar”.