O que ocorreu coas preferentes e as subordinadas corroe a base mesma do sistema capitalista. Que credibilidade lle pode dar a xente agora a un sistema bancario que, por mor dunhas prácticas especulativas, fixo voar os aforros de moitas persoas? U-la confianza nas nosas caixas de aforros de sempre? Nunca esquecerei a ilusión coa que ía enchendo a miña primeira hucha cos pequenos aguinaldos que me ían dando. Son quen de imaxinarse un cualificativo para un acto tan repudiábel como converter 600€ dunha cartilla de aforro infantil en subordinadas sen o consentimento paterno? Podemos ver nese cativo un inversor de alto risco? Que fiabilidade nos pode merecer unha entidade que actúa así, tan á lixeira? E as autoridades monetarias que o permitiron? Ningunha.
É certo que hai responsabilidades compartidas. Ignorar que as grandes decisións económicas neste país foron tomadas polo goberno central, xa dirixido polo PP ou polo PSOE, é absurdo. Estes produtos foron creados grazas á lexislación económica aprobada polo ministerio de economía dirixido por Rodrigo Rato, no goberno Aznar. Foron autorizados polas autoridades monetarias españolas (léase Banco de España e CNMV). Con Pedro Solbes e Elena Espinosa (gobernos Zapatero) a cousa seguiu adiante. Querer implicar ao BNG por apoios puntuais ao goberno Zapatero en cuestións relativas a inversións en Galiza, ou políticas sociais, etc., é querer poñer o ventilador para disimular. Insistir en que estes produtos foron aprobados cos votos dos representantes políticos tamén do PSOE e do BNG é falso porque, cando as nosas caixas aprobaron a creación de ditos produtos, os partidos políticos non tiñan representación nos consellos de administración das mesmas.
Pero, aínda con todo o que se lles poida reprochar a uns e outros (por activa ou por pasiva), quen agora ten capacidade de decisión sobre o tema é o goberno do señor Rajoy (e o da Xunta no que lle corresponda). Imos esquecer tan facilmente que o señor Feijóo baseou a súa campaña (polo que respecta ao tema das preferentes e subordinadas) en que, se gañaba, a xente había de recuperar ao completo os seus aforros? O das arbitraxes foi un bluf directamente proporcional á campaña electoral, e inversamente proporcional, posteriormente, á vitoria do PP. Por iso é fundamental manter o nivel de mobilización, para crear conciencia social sobre o problema que están a padecer moitas familias. É de vergoña que, despois de tanto tempo con esta polémica, aínda haxa persoas que se estean a decatar estes días de que son posuidoras de preferentes. Iso só se pode entender se foron enganados. Como é posíbel que a xente se farte de acudir ás súas oficinas a preguntar, lles digan que estean tranquilos, que non pasa nada… e despois lles chegue unha carta á casa comunicándolles que son un damnificado máis do roubo maior dos últimos tempos? Por certo, legalizado cos votos do PP o xoves pasado no Congreso dos Deputados.
Farruco Graña