Ignacio Ramonet, Xavier Vence ou Carlos Taibo participarán neste curso que analiza a crise de Occidente.
Ignacio Ramonet abre o 8 de maio este foro de análise e debate no que intervirán como relatores 16 profesores da USC e que pechará Mayor Zaragoza o 17 de xuño.
Lugo, 15 de abril de 2013. O delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, xunto ao vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, ademais do director desta edición dos Cursos de Primavera da USC, o catedrático de Antropoloxía Social da USC, Xaquín Rodríguez Campos, presentaron esta mañá na Deputación o IX Curso de Primavera da USC, que se desenvolverá na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo entre o 8 e o 10 de maio.
A crise que está a sufrir o mundo occidental, as súas posibles causas e as consecuencias serán obxecto de debate e análise nas distintas sesións programadas na novena edición dos Cursos de Primavera da USC, unha programa formativo e divulgativo ideado para achegar e complementar a formación humanística ao estudantado universitario, así como ao resto da sociedade luguesa interesada en asistir aos distintos relatorios que se desenvolverán na Facultade de Humanidades do campus de Lugo os días 8, 9 e 10 de maio.
Unha conferencia baixo o título ‘En defensa do decrecemento’, a cargo do profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid Carlos Taibo Arias e prevista para o 20 de maio, xunto coa intervención do ex director da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, que visitará o campus lugués o 17 de xuño para falar sobre educación, cultura da paz e dereitos humanos no século XXI, completan a programación dos IX Cursos de Primavera da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta interesante proposta de carácter formativo e divulgativo, dirixida polo catedrático de Antropoloxía Social da USC, Xaquín Rodríguez Campos, e financiada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, vén sendo un foro aberto que en anos anteriores orientou a súa temática a cuestións tan diversas como o IV centenario da publicación de El Quijote, a realidade e as perspectivas das Humanidades, a dinámica das relacións Oriente-Occidente, os dereitos humanos, os camiños da peregrinación ou vida e letras milenarias.
O acceso ás conferencias é libre, mais as persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no IX Curso de Primavera da USC, un programa coordinado por unha comisión académica integrada polos profesores Xaquín Rodríguez Campos, Elena Freire Paz e Beatriz Fernández Herrero, poderán matricularse ata o vindeiro 26 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Neste caso o custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. O estudantado universitario matriculado no IX Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración. Asemade, a USC ten solicitada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a homologación deste curso para o profesorado de ensino primario e secundario.