O torneo contempla tres probas: unha de padel para pais e fillos, outra de padel mixto e unha terceira de padel infantil
Mario Outeiro destaca a importancia desta competición “que fomenta a igualdade no deporte e promove a práctica deportiva dende a base”
Lugo, 16 de maio de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, no salón de actos do Pazo de San Marcos, o 1º Torneo de “Padel para todos”, acompañado por Pilar Estevez, xerente do club +Qpadel Lugo, que organiza o evento en colaboración co ente provincial.
Trátase dun torneo que consta de tres competicións distintas, todas elas a disputar nas instalacións do club organizador e baixo o mesmo sistema de competición: cadro de eliminación progresiva con cadro de consolación. A primeira delas, dirixida a parellas formadas por pais e fillos terá lugar o vindeiro 25 de maio, a segunda, de padel mixto, para a que se establecen tres categorías segundo a destreza: principiante, avanzado e experto, celebrarase os días 7, 8 e 9 de xuño, mentres que a terceira, de padel infantil, para a que se establecen tres categorías de idade: menores de 7 anos, de 7 a 10 anos e menores de 16 anos, terá lugar o 29 de xuño.
Durante a súa intervención, Mario Outeiro destacou “o carácter familiar deste torneo, que relega a competición a un segundo plano para potenciar por enriba de todo a participación e a convivencia nun espazo deportivo”.
Neste senso, o delegado explicou que “a organización destes tres torneos nos que se mesturan xéneros e xeracións constitúe un bo exemplo de valores como a igualdade no deporte ao mesmo tempo que fomenta a práctica deportiva dende a base coa posta en marcha dunha competición específica para as crianzas”.