O documento económico rebaixa nun 7,43% a conta da Federación respecto ao pasado ano
SANTIAGO. O Consello Federal da Fegamp aprobou hoxe por unanimidade o documento de Orzamento para este ano 2012. Neste exercicio, a Federación xestionará 1,17 millóns de euros, unha cantidade un 7,43% inferior á do pasado 2013. Por segundo ano consecutivo, as contas do ente municipalista contaron co respaldo de todos os grupos políticos representados.
Segundo explicou aos alcaldes o presidente da Fegamp e rexedor de Ferrol, José Manuel Rey Varela, “desde 2009 reduciuse un 30% o noso orzamento, e con todo, prestamos máis servizos aos concellos”, o que demostra “a eficiencia na xestión dos recursos propios”.
A redución de recursos non significou unha diminución nos fondos da federación, xa que o exercicio 2012 pechouse cun resultado económico-patrimonial positivo en máis de 10.000€. “A Federación vai manter a liña de austeridade e control do gasto”, manifestou pola súa banda Alfonso Villares, alcalde de Cervo e vicepresidente executivo, “como xa fan moitos concellos de Galicia que tamén están a tomar decisións neste sentido para gastar menos en si mesmos e máis nos veciños”.
“Cabe concluír que a situación económica da Fegamp é saneada e positiva”, remarcou Rey Varela, “sobre todo para os tempos que atravesan as administracións públicas”.
Unidade ante a reforma local
Na súa intervención ante o Consello, Rey Varela puxo en valor o traballo da Fegamp á hora de defender os intereses do municipalismo galego no proceso de reforma da administración local que emprendeu o Goberno. Ao seu xuízo, a Federación “foi coherente desde o primeiro día en que aprobamos a nosa folla de ruta”, a comezos de 2012.
Así, reiterou que a reforma local deberá atender aos dous principios esenciais que están pendentes na administración local: delimitación competencial e un financiamento xusto e suficiente. “Estas, e non outras, deben ser as claves da reforma”, subliñou. Rey Varela amosou a súa desconformidade coa fórmula do “custo estándar” que expón o Ministerio para avaliar os servizos públicos, xa que non ten en conta especificidades de Galicia como a dispersión ou o envellecemento poboacional.
Para José Manuel Rey, foi “unha demostración de madurez” que os alcaldes aparcasen as súas diferenzas partidarias e subscribisen un documento de alegacións por unanimidade no seo da Fegamp, defendidas posteriormente ante a FEMP e que abriu a porta para o resto de federacións territoriais.
Ademais, convidou aos alcaldes a explicar os verdadeiros problemas da administración local, “que desde logo non son os soldos, como todos ben sabedes”, e para iso lembrou que “en Galicia, os concellos apenas destinan o 2,3% dos seus orzamentos a salarios”. “Non perdamos o tempo con cortinas de fume e falemos do realmente importante: as competencias, os servizos municipais que prestamos aos veciños e o financiamento dos mesmos”, apuntou.
“Non podemos permitir que esta reforma sexa unha oportunidade perdida”, apostilou Rei Varela, “levamos demasiado tempo esperándoa, e se fracasa, será un fracaso colectivo de todos os concellos, de todos os alcaldes, de todos os nosos veciños”.
Resposta aos problemas coas eléctricas
José Manuel Rey presentou tamén as xestións realizadas durante os últimos doce meses para abordar a problemática exposta o pasado ano no Consello Federal respecto da facturación das compañías eléctricas. “Trasladástesnos as vosas queixas e pasou a converterse nunha prioridade”, indicou. Esta área de xestión corre a cargo do vicepresidente executivo e alcalde de Cervo, Alfonso Villares.
Pola súa banda, Villares explicou que nos últimos meses, a Fegamp veu mantendo encontros cos distintos operadores eléctricos de Galicia, trasladándolle as numerosas incidencias dos concellos. “Atopamos receptividade nas eléctricas, e están a pór a disposición dos concellos acodes de contacto coas que abordar os nosos problemas”, engadiu o alcalde de Cervo.
Entre as medidas a adoptar destaca a apertura dunha oficina de aforro enerxético na propia Fegamp, en virtude dun convenio subscrito recentemente coa Consellería de Economía e Industria, e que permitirá un asesoramento directo aos concellos á hora de auditar e contrastar a facturación dos seus provedores.
Igualmente, José Manuel Rey puxo en valor o novo mapa de emerxencias rubricado a comezos de ano e que empezará a funcionar no mes de xullo, “que contará finalmente cun financiamento estable, o que permitirá aos concellos dedicar os programas de cooperación para crear emprego noutros servizos públicos que demandan os veciños”.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



