Lugo, 15 de maio de 2013.- A Xunta de Galicia vén de constituír a Comisión Xestora da Cámara de Comercio de Lugo, que se poñerá a traballar de maneira inmediata co obxectivo de devolver o goberno e a estabilidade á institución, sendo a súa principal tarefa a convocatoria de eleccións. A Comisión está constituída por 11 membros, 9 deles en representación da Xunta e 2 en representación das propias Cámaras, nomeados polo Consello Galego de Cámaras.
Segundo explicaron hoxe a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez Abeal, a primeira reunión da Comisión está prevista para a vindeira semana. Nese encontro proporase a elaboración dunha auditoría para coñecer coa máxima celeridade a situación económica e de persoal do ente cameral, para así comezar a facer fronte ás distintas obrigas e necesidades pendentes.
Unha vez coñecida a situación financeira, a Comisión Xestora será a encargada de analizar, cos propios recursos da Cámara, as fórmulas para, en primeiro lugar, intentar garantir o pago dos salarios aos traballadores.
Do mesmo xeito, unha vez coñecidos os resultados da auditoría iniciaranse os trámites para a convocatoria de eleccións, baixo a tutela da administración pública, co obxectivo de restituír a gobernabilidade e garantir a estabilidade das súas funcións.
Nese momento abrirase un prazo de 15 días para que os empresarios de Lugo poidan inscribirse no censo, un punto no que, tal e como indicaron as representantes da Xunta, será de vital importancia o compromiso do empresariado co futuro da Cámara. Posteriormente procederase ao trámite das candidaturas e á convocatoria de eleccións.
A Xunta de Galicia, que como órgano tutelante se implicou desde o primeiro momento para contribuír na busca de solucións para a Cámara de Lugo, aposta por Cámaras de Comercio solventes, útiles para o empresariado galego e que se autofinancien coa prestación de servizos de calidade. Así, agarda que a Cámara de Comercio de Lugo conte pronto cunha nova directiva para garantir o seu futuro no novo contexto que marcará a nova lei cameral.