O BNG volve demandar ao presidente Feijóo que cumpra a súa promesa de aprobar plans de revitalización económica e social para a comarca.
Que máis da metade dos parados da Mariña sexan mulleres e menores de 25 anos é o resultado da xestión do Partido Popular que quere condenar ás mulleres ao ámbito do privado e aos mozos á emigración.
A Mariña, 14 de maio de 2013. Mobilizar aos mariñáns fronte ás políticas de austeridade e recorte de dereitos do Partido Popular é o principal obxectivo da campaña ‘Non é unha crise, é un roubo’, iniciada polo Bloque Nacionalista Galego esta mañá, no Mercado de Foz, onde unha delegación encabezada por Ana Ermida, responsábel da formación, repartiu material informativo e escoitou os problemas que están a padecer milleiros de mariñáns pola falta de emprego.
Segundo Ermida “o desemprego é o principal problema da comarca nestes intres xa que as cifras do paro continúan a ser históricas a pesar da leve redución dos dous últimos meses que non deixa de ser un espellismo porque máis de 5.910 mariñáns seguen a estar nas listas oficiais de desempregados. Cada parado é unha consecuencia das políticas de austeridade e control do déficit impostas polo Partido Popular tanto desde a Xunta de Galiza como desde o Goberno do Estado”.
“O paro –continuou a responsábel do Bloque- non se soluciona con máis recortes, nin copagos, nin eliminación de dereitos, nin salvando a unha banca sen ética, senón con investimentos e ofrecendo liquidez ás empresas para que estas poidan crear novos postos de traballo”.
Ermida criticou o pasotismo da Xunta de Galiza coa comarca nestes cinco “tráxicos” anos nos que o paro non diminúe como debera e se continúan fechando empresas emblemáticas que daban emprego a centos de traballadores como Cemar, Móbeis Ermida, Mon, Ecar, ou outras que reduciron drasticamente a súa plantilla como Sargadelos. “A nosa comarca –insistiu Ermida- é xa a capital do paro e da destrución do tecido produtivo; é o mellor exemplo dunha política catastrófica que constitúe un auténtico saqueo ao pobo. A Xunta mira cara outro lado mentres se desmantela unha comarca que ten todas as condicións para ser punteira en moitos eidos e á que o Partido Popular emprega ao seu antollo durante as campañas electorais prometendo actuacións e servizos que nunca chegan. Desde o BNG seguiremos pedido ao presidente Núñez Feijóo que cumpra á súa palabra e aprobe as medidas compensatorias que comprometeu hai 5 anos para a revitalización económica e social da Mariña”.
Os nacionalistas piden aos mariñáns que se mobilicen e amosen o seu rexeitamento á política actual que está conducindo á pobreza e á exclusión social a moitas familias e principalmente ás mulleres e xoves, en canto o 52 por cento dos parados da comarca son mulleres e o 12 por cento son menores de 25 anos. Para Ermida “estes datos non son casuais, son o éxito de medidas que pretenden volver a situar ás mulleres no ámbito privado e condenar a Galiza a emigración dos máis novos”.