Este ano outorgaranse premios especiais ás mellores fotografías tomadas nalgunha paraxe do municipio cervense.
O prazo de presentación dos traballos pecharase o 20 de maio e a entrega de premios realizarase o 5 de xuño coincidindo como cada ano co Día Mundial do Medio Ambiente.
Cervo, 3 de maio de 2013-O III Concurso fotográfico de Medio Ambiente “Cervo respecta” chega este ano con novidades pero mantendo a súa filosofía de “concienciar de la importancia de proteger y cuidar nuestro entorno natural y, al mismo tiempo, dar a conocer nuestra belleza paisajística” tal e como explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso que participou hoxe na presentación do cartel xunto ao alcalde, Alfonso Villares.
Un certame no que se poderán presentar ata tres fotografías por autor, tendo como temática o medio ambiente, coidado e ben conservado, e en todo caso deberá tratarse de imaxes tomadas na comunidade autónoma de Galicia. En concreto, poden ser imaxes de lugares e escenas verdes ou calquera instante vivo da natureza.
Ademais, xunto aos anteriores requisitos, os autores tamén terán que especificar o lugar concreto no que foron sacadas as fotografías, que deberán ser orixinais e inéditas, en formato dixital (JPEG), en alta calidade (sen compresión) e cunha resolución mínima de 2048 píxeles sen limitación de tamaño en MB.
En canto aos premios, mantéñense as categorías establecidas noutras edicións, a de adulto (maiores de 18 anos) e xuvenil (menores de 18 anos), e en cada unha delas outorgarase un primeiro e un segundo premio. Pero ademais, como novidade, este ano concederase o Top Cervo, un premio especial á mellor fotografía medioambiental tomada nalgún recuncho do municipio cervense sempre que o lugar sexa identificable. Así, haberá un Top Cervo en xuvenil e outro en adulto “como forma de potenciar y de poner en valor nuestro medio natural” engade Alonso.
Concretamente os premios consistirán, na categoría de adultos, nunha peza de cerámica e un vale de 100 euros para gastar en establecementos do municipio para o primeiro, e unha peza de cerámica e un vale de 50 euros para o segundo, mentres o Top Cervo consistirá nun vale de 50 euros. E na categoría xuvenil o primeiro premio incluirá un detalle e un vale de 100 euros en material deportivo mentres o segundo recibirá un detalle e un vale de 50 euros en material deportivo. O Top Cervo xuvenil será de 50 euros para gastar en establecementos do municipio.
As fotografías deberán presentarse nun sobre pechado que inclúa un CD coas imaxes así como un título para cada foto e a descrición do lugar e a provincia na que foi sacada. Ademais, deberá incluír outro sobre no que se indicarán os datos persoais do autor. As fotografías pódense remitir ata o 20 de maio á Casa do Concello de Cervo ou á Casa da Cultura de San Cibrao, ben en persoa ou a través de correo ordinario ou mensaxería instantánea. Para máis información poden poñerse en contacto coa delegación de Medio Ambiente na dirección medioambiente@concellodecervo.com
Lembrar tamén que o fallo do xurado, composto por especialistas no tema, darase a coñecer o 3 de xuño e, como cada ano, os premios entregaranse o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Ao mesmo tempo, o Concello ten previsto expoñer ao público todos os traballos presentados que cumpran coas bases fixadas.