O BNG Alfoz-Valadouro congratúlase de que o Concello de Alfoz tivese en conta a proposta rexistrada o 13 de febreiro do presente ano e comezase a semana pasada o arranxo da Báscula de Correlos, mais agarda que os labores de mantemento non fiquen só na reparación da porta e en rozar a vexetación da contorna da edificación (únicos traballos desenvolvidos até agora) senón que continúen coa colocación das lousas que faltan no tellado e coa limpeza periódica dos mecanismos, tal como demandaba a proposta elaborada polo BNG.
O contido da proposta presentada en febreiro era o seguinte:
A báscula de Correlos, na parroquia de Mor, forma parte do patrimonio histórico do noso Concello, cómpre decatarse de que é a derradeira báscula de feira que queda tanto no Alfoz como na comarca natural do Río Ouro.
Aínda que a devandita instalación se atopa nun terreo privado, a báscula da Feira de Correlos é un ben público, do que se ten servido a veciñanza durante moitos anos, cómpre sinalar que a báscula daba servizo tamén fóra dos días de feira e a varias parroquias da contorna.
Actualmente atópase nun aceptábel estado de conservación malia dúas eivas que convén arranxar antes de que o tempo incida na súa deterioración. Habería que repoñer unhas poucas táboas nunha das portas -afectada parcialmente polo vento e a chuvia a comezos de febreiro- e máis arranxar unhas lousas do tellado -problema xurdido hai máis de dous anos- pra evitar que chova dentro e afecte á bascula propiamente dita.
POLO ANTERIORMENTE EXPOSTO DEMANDA:
-O arranxo da porta orientada ao poñente.
-O arranxo do tellado, (só a pequena parte pola que entra a auga).
-Unha limpeza do interior pra evitar o apodrecemento das pezas.
ARGUMENTACIÓN
Na Asemblea Local do BNG cónstanos que no 2011 unha asociación local xa se dirixiu ao Concello de Alfoz pra demandar o coidado da báscula de Correlos, mais por parte do Concello non se acometeu mellora ningunha, polo que a instalación segue a deteriorarse, nomeadamente no inverno, xa que hai varios anos que os furados do tellado permiten o paso da chuvia, e por riba, a comezos de febreiro o temporal rachou unhas táboas da porta.
A Báscula da Feira de Correlos forma parte da historia da parroquia, do Concello e da contorna do Río Ouro, cómpre sinalar que estamos a falar da derradeira báscula de feira que se conserva non só no Alfoz, senón en toda a bisbarra do Valadouro. Trátase dun elemento propio das tradicións comerciais rurais e da idiosincrasia local. Malia atopárense nun terreo privado, a báscula é de titularidade pública, xa que era unha instalación baixo responsabilidade municipal no tempo en que foi de uso cotián.
A Feira de Correlos tiña lugar o primeiro mércores de cada mes, e a construción da que falamos é de mediados dos anos ’40, anteriormente a esta data a báscula estaba protexida por un cobertizo de madeira, mais a febleza desta protección obrigou á construción dun inmoble de pedra.
A pesaxe dos xatos era un servizo público, controlado normalmente por un empregado municipal -ou ou veciño con licenza, en Correlos tamén exerceron como pesadores os taberneiros locais- que cobraba aos veciños que se achegaban pra pesar os animais. A báscula daba servizo non só os días de feira, e foi a instalación de referencia para varias parroquias da contorna. Aínda que está en desuso debido á desaparición das feiras de gado vacún hai máis de vinte anos, non debemos deixar que desapareza este ben público que constitúe un elemento vivo da historia, da identidade e da cultura do noso pobo.