A páxina web do Concello de Viveiro, atópase completamente desactualizada. Na portada da mesma podemos atopar anuncios e enlaces das festas dos anos 2010 e 2011, de naseiro do 2011, unha programación cultural do teatro do primeiro trimestre do ano 2011, e como novas máis destacables nos últimos 6 meses, as actividades do Mercado tradicional de Vieiro e da Feira das Maulas, cursos de verán da UNED do ano 2010, por citar algún exemplos. Existe unha enquisa virtual, que nunca funcionou, e numerosos enlaces obsoletos, que nin funcionan. No apartado de axenda cultural as últimas novidades son do ano 2011, e a guía local está actualizada con data do ano 2004. A web está totalmente desactualizada, e tan abandonada, que incluso o saúdo da alcalde, é o mesmo de ando se puxo a funcionar a web, no ano 2003.
Así mesmo o Concello de Viveiro, está desaparecido en todas as redes sociais, véxase Tuenti, Twitter ou Facebook, mostrando o goberno municipal un completo desinterese e deixadez polo emprego das novas tecnoloxías.
Consideramos fundamental na era da tecnoloxía na que vivimos, a presenza en internet, con información actualizada e diaria, así como a existencia de perfís nas redes sociais, a fin de que as veciñas e veciños da nosa cidade, podan divulgar, destacar, e criticar as actividades que realiza o Concello de Viveiro.
A transparencia e información da veciñanza na actividade municipal debe ser completa, e internet é unha fiestra aberta, que ben empregada, pode axudar a mellorar a imaxe do noso concello, así como a sua promoción turística do mesmo en todolos eidos.
Polo tanto, o BNG de Viveiro propón ao Pleno da Corporación Municipal de Viveiro, o seguinte acordo:
– Instar ao Goberno Municipal a actualizar de inmediato a obsoleta páxina web municipal, con novas diarias da actividade municipal, e da actividade cultural e deportiva existente no Concello de Viveiro durante todo o ano.
– Instar ao Goberno Municipal a realizar perfís nas redes sociais máis importantes, como Facebook, Tuenti e Twitter, para divulgar o Concello de Viveiro.