Cervo, 29 de maio de 2013-O pleno da corporación acordará este xoves (20:00 horas) a adhesión ao convenio para a creación e implantación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Cervo. Un trámite que se producirá poucos días despois de que representantes da Xunta, da Fegamp e da Deputación asinasen en Lugo o convenio para a posta en marcha dos GES da provincia.
A adhesión ao convenio por parte do Concello de Cervo como municipio sede é un dos pasos necesarios para avanzar na conformación do GES. Un grupo de emerxencias que estará formado por 12 efectivos con estrutura profesionalizada e carácter permanente que darán cobertura á zona da Mariña Central e Occidental.
O GES de Cervo, ao igual que os demais grupos operativos creados baixo este convenio, virá a complementar a atención das emerxencias e extinción de incendios que prestan outros corpos e completará o mapa de emerxencias de Galicia.
“Con este GES o Concello consegue restituír a aldraxe dirixida polo PSOE de Cervo coa que conseguiron que o parque de bombeiros que estaba previsto para Cervo marchase para Viveiro” explica a edil Yolanda Pedreira. “Así, mentres os socialistas demostraron que traballaban para restarlle servizos a Cervo o goberno local traballa para sumarllos” continúa Pedreira.
Ademais da adhesión ao convenio de implantación do GES con sede en Cervo, a corporación tamén abordará un convenio coa Dirección Xeral de Catastro para que o Punto de Información Catastral do municipio asuma a xestión dos expedientes catastrais dende o inicio ata o final do proceso.
Pleno anterior
O grupo de goberno lembrou que o pleno anterior “non se suspendeu por unha pancarta, senón porque os portadores desa pancarta non atenderon a solicitude educada e reiterada realizada dende a presidencia do pleno para retirala”. En canto ás peticións que fan os socialistas de recuperar os asuntos do último pleno, o goberno local explica que “a lei só obriga a retomar asuntos pendentes que estiveran na orde do día, e no último pleno non quedaba ningún punto da orde do día por debater”.
O grupo de goberno lembra que “a moción presentada por urxencia polo BNG tampouco se contemplaba na orde do día e nin sequera se chegou a debater a súa urxencia, polo que nunca formou parte dos asuntos a tratar”. Polo tanto, o normal é que “os nacionalistas volvan presentar a mesma moción da mesma maneira que na anterior sesión, por urxencia”. En canto á quenda de rogos e preguntas, os grupos poderán realizalas con normalidade como en calquera sesión.