Lugo, 3 de maio de 2013. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo estudará a apertura dunha nova liña de axudas para os dependentes que quedarán desatendidos de confirmarse o recorte de preto de 1.000 millóns de euros en dependencia que establece o Plan Nacional de Reformas aprobado polo Goberno do Estado o pasado venres. Así o anunciou o vicepresidente da institución e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, quen denunciou que “unha vez máis o Partido Popular deixa abandonados aos máis necesitados. Este novo golpe á Lei de Dependencia condena a centos de lucenses á ruína económica e á exclusión social, algo que, na medida das nosas posibilidades, trataremos de impedir”.
Nos vindeiros días, persoal da Área de Benestar Social porase en contacto con todos os concellos da provincia para determinar o número exacto de dependentes que se verán afectados por este machadazo aos servizos sociais e, a partir de aí, estudar a posibilidade de abrir unha liña de axudas especiais. Segundo Veiga, “as persoas xa valoradas como dependentes teñen dereito a ser atendidas e se o Goberno central non lles proporciona esa cobertura deberán ser atendidas polo Servizo de Axuda no Fogar básico o que provocará o colapso do mesmo. Este anuncio chega no peor momento para todos xa que tanto os concellos como a Deputación xa fecharon o número de usuarios e a dotación económica do Servizo de Axuda no Fogar básico”.
“Ademais –continuou Veiga- esta medida supón, tamén, un atranco para a economía de Benestar, que está a ser fundamental para toda a provincia, en especial para os concellos do rural lucense, e que debera servir de estímulo para superar esta situación de depresión económica e social. As políticas do Partido Popular decretan a morte de todo aquilo que pode supoñer un brote verde para a nosa economía”.
Desde a Vicepresidencia da Deputación insístese en que “volve a quedar en evidencia que o pobo e o seu benestar non é unha prioridade dos dirixentes populares. Os datos demostran que institucións están traballando para evitar a exclusión social dos máis necesitados e cales os están a precipitar cara o abismo económico e social. Mentres a área de Benestar Social incrementou este ano as partidas dedicadas a cofinanciar o Servizo de Axuda no Fogar básico, que da emprego a máis de 500 persoas e atende a máis de 3.000 lucense, e o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria que atende ao redor de 1.500 maiores, o Goberno do Estado continúa recortando en dependencia e sanidade, dous servizos vitais para as persoas”.
Garderías infantís
O vicepresidente da Deputación acusou á Xunta de Galiza de seguir os pasos do Goberno do Estado desmantelando outro dos servizos públicos esenciais, como é a educación, e solicitou ao presidente galego que poña en marcha os mecanismos oportunos para que ningún neno ou nena quede sen praza nas garderías públicas, xa que, segundo os últimos datos ofrecidos polo Goberno, máis de 600 nenos e nenas lucenses permanecen en lista de espera para conseguir unha praza.