O colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA está a programar unhas actividades, a desenvolver durante o vindeiro mes de xuño, que teñen como obxectivo acadar o que sería o primeiro carril bici en Viveiro. O colectivo contactará durante esta segunda quincena de maio con asociacións de Viveiro para recoller as propostas que poidan ter a respeito do trazado dunha ciclovía que facilite a utilización da bicicleta entre distintos puntos do concello e compatibilice este uso co dos peóns. Tamén se reclamarían aparcadoiros para bicicletas preto dos edificios de uso público. A campaña iniciaríase cunha biciFESTAción e coa recollida de sinaturas entre a veciñanza apoiando esta reclamación para llas facer chegar ao Concello de Viveiro. O colectivo quere aclarar que o obxectivo desta iniciativa non é concretar este ou aquel trazado, pois ese é un labor que corresponde propór aos técnicos. Así o entendemos e así se lle transmitirá ao movemento asociativo de Viveiro que queira colaborar con PENSAMENTO E SEMENTEIRA nesta nova actividade: BIVEIRO CON B DE BICI.
Vive Viveiro en bici