Lugo, 27 de xuño de 2013.- A Consellería de Economía e Industria vén de dar a coñecer os profesionais escollidos polos clientes como o mellor praceiro ou praceira de cada mercado galego dentro da campaña Presume de praceiro/a, que ten por obxectivo poñer de relevo a figura profesional dos praceiros, ao tempo que se incentivan as compras e se promocionan e visibilizan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de produtos frescos e de calidade.
Na provincia de Lugo resultaron premiados, en Viveiro, Panadería Máis que Pan; en Vilalba Generosa Emérita Estévez; en Sarria Carlos Díaz (carnicería); en Ribadeo María Carmen Freije (frutería); en Mondoñedo a Carnicería Pacio y Fraiz; en Chantada a José Antonio Armas (carnicería) e en Lugo cidade quen recibiu máis votos foi a Queixería Arcadio Coroas.
Os profesionais escollidos a través dos votos dos clientes en cada un dos mercados galegos participantes na campaña, que se desenvolveu entre o 18 de marzo e o 3 de maio, recibirán o vindeiro 1 de xullo unha homenaxe pública na que se dará a coñecer cal deles é o mellor praceiro ou praceira de Galicia, tendo en conta criterios como a antigüidade no posto ou o relevo xeracional.
Durante o desenvolvemento de Presume de praceiro/a os clientes dos mercados de toda Galicia puideron votar polo seu praceiro ou praceira favorita por cada compra realizada. Entre todas as votacións recibidas celebráronse dous sorteos, un o día 12 de abril e outro o 3 de maio, nos que se premiaron en cada praza de abastos tres papeletas con 75, 50 e 25 euros en bonos de compra para impulsar as vendas dos propios mercados.
A iniciativa enmárcase na aposta da Consellería de Economía e Industria por potenciar as prazas de abastos, apostando por mercados onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia capaz de conservar a tradición de compra ao tempo que se dá resposta ás novas necesidades dos consumidores. Coa campaña Presume de praceiro/a quérese recoñecer aos praceiros e praceiras, destacando a súa profesionalidade, consello e asesoramento, e premiando tanto a clientes como a comerciantes. Ao mesmo tempo, ponse de relevo a importancia dos mercados e prazas de abastos como pezas clave da estrutura comercial e dinamizadores das vilas e cidades galegas, así como escaparates do produto galego para visitantes e turistas.