Lugo, 27 de xuño de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incrementa nun 7% o número de prazas para ensinanzas regradas de idiomas nas sedes da Escola Oficial de Idiomas (EOI) da comarca da Mariña. Deste xeito o resaltou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que indicou que de cara ao vindeiro curso 2013-14, “o departamento autonómico incrementa con 120 prazas máis a oferta de ensino de idiomas de que dispón a escola oficial nesta comarca”.
Arias explicou que, en concreto, a consellería incrementa “con 120 novas prazas a sección de Burela, posta en marcha o curso pasado, onde se duplica a oferta de ensino existente, ao promover a docencia de inglés a través da posta en marcha desas prazas”.
Deste xeito, a oferta de ensinanzas regradas nas EOI da Mariña sitúase en 2.030 prazas, repartidas do seguinte xeito:
• EOI Viveiro: 980 prazas
• EOI Ribadeo: 840 prazas
• Sección de Burela: 210 prazas
De xeito global, coas novidades da oferta de cara ao curso 2013-2014, a Consellería de Cultura e Educación “aumenta nun 6% o número de prazas para ensinanzas regradas na escola lucense”, asegurou Arias, que afirmou que o incremento, no global da provincia, permite que o número de prazas se sitúe no umbral das 6.400 prazas (6.395), respondendo tamén así á alta demanda existente.
Do mesmo xeito, esta mellora cuantitativa levará aparellado tamén un importante incremento de profesorado nas escolas oficiais para facerse cargo deste incremento da oferta de docencia de idiomas.