José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, visitou hoxe de novo Ourense para reunirse coa militancia da comarca ourensá, Trives e Caldelas e presentar o seu proxecto de partido, ademais de recoller ideas e respostar dúbidas. O socialista falou dos problemas de Galicia e achegou medidas para “un Goberno Aberto real”, recollidas dentro do seu ideario de Partido Aberto, Goberno Aberto que iniciou o pasado decembro en Lugo e que agora está a levar por toda Galicia. Gómez Besteiro apostou por “facilitar as constribucións da cidadanía” con melloras como “a flexibilización das condicións para presentar iniciativas lexislativas populares”, para o que actualmente é necesario recoller 15.000 sinaturas.
“Hai que facer pedagoxía e tamén aplicar de forma efectiva unha rexeneración democrática, ao contrario do que está a facer o goberno de Feijóo, que pecha as portas do Parlamento e tivo a dubidosa honra de inaugurar esta lexislatura rexeitando unha iniciativa popular a favor da sanidade pública”, afirmou Besteiro. O socialista presentou ante a militancia outras medidas como a limitación de mandatos, non só nos postos de goberno, senón tamén orgánicos, e normas de transparencia como darlle acceso á cidadanía ás contas anuais e electorais do partido no mesmo momento en que se presentan ao Tribunal de Contas.
O socialista incidiu noutras propostas que vén apuntando nas súas reunións polo país, como a publicación de salarios e a declaración xurada de bens a principios da lexislatura en todos os niveis de goberno, o acceso público á axenda do secretario xeral, as sancións a cargos políticos que incumpran as súas obrigas de representación ou programáticas ou a obriga a aceptar sempre preguntas nas roldas de prensa.
Asimesmo, Gómez Besteiro lembrou a súa intención de trasladar o encontro coa militancia Partido Aberto, Goberno Aberto que fixo en Lugo a toda Galicia con carácter anual, así como organizar reunións sectoriais periódicas coa cidadanía e facilitarlles o acceso a datos e a aportación de suxerencias a través das novas tecnoloxías.