Burela, 28 de xuño de 2013. O Concello está a reparar estes días o muro do peche perimetral do campo de fútbol de herba natural da Marosa. Os traballos, segundo explica o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, consisten na reposición dos piares e muros, así coma a apertura dun acceso ao campo desde esa zona.
O edil popular sinala que “estes traballos terían que terse acometido hai anos, porque o muro estaba a piques de caer, o que supoñía un risco para as persoas que a diario transitan e pasean por ese lugar”.
Fernández Valle indicou que “se procedeu ao derrubamento da parte do muro danada e dos piares que estaban a piques de caer, estanse a repoñer e a reconstruír. Os traballos aínda durarán uns días”.
O concelleiro de Obras considera que “se trata dunha actuación moi necesaria co obxectivo de evitar calquera risco para as persoas”.