Lourenzá, 15 de xuño de 2013. O equipo de baloncesto feminino foi recibido hoxe na Casa do Concello como homenaxe polo ter logrado o ascenso á Primeira División Nacional. No acto a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, falou do pasado, do presente e do futuro do club e destacou que o deporte é un dos grandes escaparates do municipio.
A rexedora municipal empezou a súa intervención felicitando ao equipo “polo seu merecido ascenso á liga Nacional; sen dúbida é unha mostra de fortaleza e de compromiso, todo un logro polo que hai que estar agradecidos e recoñecer a labor tanto das rapazas que conforman o equipo como de todos aqueles que o fixeron posible: o seu adestrador e todo o persoal técnico e directivo que está detrás. E permitídeme que neste intre faga unha mención especial a Rubén García Piñeiroa, técnico municipal, que de non ser por el o deporte en Lourenzá non sería o mesmo, xa que a súa labor vai máis aló do traballo que ten asinado no contrato co concello. Pero o que hoxe festexamos remóntase ao ano en que botan a andar as escolas deportivas municipais na procura de ofertar algo máis aló do fútbol e sobre todo pensando nun deporte que, ao marxe do atletismo, practicaran as nenas en equipo. E así empeza a historia do basket feminino en Lourenzá, xa un referente máis aló da Mariña e que a través do torneo de basket feminino que se celebra en Semana Santa chegou a ser berce de equipos internacionais”.
Emma Álvarez lembrou que “todo arranca cun grupo de cativas que empezan a adestrar, sen competir, baixo a tutela de Rafael Cabaleiro. Na terceira tempada é relevado por Ruben García, o técnico de deportes municipal, e xa se empezou a competir durante varias temporadas ata que se foron completando todas as categorías: benxamín, alevín, infantil, cadete, junior … Máis tarde baixo a batuta de José Antonio Sama inscríbese ó equipo sénior, formado por xogadoras en idade xuvenil, en 1ª Provincial. Este equipo está só un ano en Provincial e ascende á liga Autonómica para representarnos por toda Galicia. O equipo no 2005/06 segue adestrado por Sama e logra a permanencia na última xornada. A partir de aí o equipo mantense durante 8 temporadas consecutivas na elite galega adestrado dende a tempada 2006/07 por Juan Nécega”.
A alcaldesa engadiu que “na tempada 2011-2012 establecemos un convenio de vinculación co Ensino Lugo co obxectivo de formar rapazas da provincia e da Mariña ás que lles guste o basket e non dispoñan de minutos en Liga Feminina. Ese ano o equipo, adestrado por Cristina Vázquez e quedando de 6º clasificado, logra a mellor clasificación ata a presente tempada. Este ano de novo Juan Nécega volveu coller as rendas dun equipo que con moito esforzo, con sonos, alegrías e tamén algún que outro momento duro fixo historia, porque foi subcampión de Liga regular e campión da Fase de Ascenso a Nacional con equipos de Cantabria, Asturias e Castela León”.
“Estamos falando dun deporte que quizais non teña a atención mediática que se merece, xa que os grandes reportaxes gráficos aínda os seguen acaparando deportes como o fútbol e sobre todo deportes nos que debutan homes, pero este ano as mulleres fixeron doblete na historia do deporte na Mariña. Por este motivo podo dicir que me sinto máis identificada con vosoutras e anímovos a seguir poñendo ás mulleres á mesma altura dos homes. Non somos nin máis nin menos, pero queremos as mesmas oportunidades e os mesmos recoñecementos”, dixo a rexedora.
Emma Álvarez tamén explicou que “a vida, a política e o deporte son un constante reto. Todos nos identificamos coa nobreza, esforzo e perseveranza que implican alcanzar o cume no deporte. Este desafío é un referente dos mellores valores do conxunto da nosa sociedade e da forza que guía aos máis novos a superar calquera dificultade. Estamos nunha época difícil e os galegos, e por tanto os laurentinos,
sabemos que as dificultades son oportunidades para crer en nós mesmos, superarnos e facernos máis fortes”.
Ademais a rexedora municipal comentou que “o deporte ensínanos a todos como superar os desafíos por grandes que estes sexan. O deportista sabe que para estar entre os mellores, para chegar ao instante da competición decisiva e para aspirar ao triunfo só hai un segredo: adestrar, adestrar e adestrar; iso é traballo, traballo e máis traballo. É dicir, consagrar todo o noso pulo a unha soa meta: superar as adversidades e vencerse a un mesmo para logo vencer no estadio. E iso, que é unha lección para o deporte, é tamén unha gran lección para a vida: saber que se as cousas saen ben non é por ningún azar senón porque loitamos por elas; e aos que o azar os acompaña tarde ou cedo acaban caendo”.
Emma Álvarez destacou que “o deporte é un dos grandes escaparates do noso concello é un ingrediente fundamental á hora de dar significado a Lourenzá mais aló da súa contorna. Os éxitos dos nosos deportistas xunto coas nosas fabas, aínda que hoxe non veñen ao caso, favoreceron a divulgación do noso concello e do noso patrimonio por Galicia adiante e a partires de agora polo norte de España”.
A alcaldesa rematou falando do futuro do equipo: “o feito de que a día de hoxe non haxa ningunha rapaza nativa de Lourenzá xogando có ED Lourenzá-Ensino non debe deixar levarnos polos impulsos e á hora de tomar decisións debemos pensar no futuro e ter presente que aínda que vivimos nun concello rural, de pouco máis de 2.400 habitantes, os nosos rapaces e as nosas rapazas tamén teñen dereito a practicar un deporte que lles gusta, acadar éxitos e ao mesmo tempo aprender valores e esforzo en equipo. Temos detrás unha gran canteira nas ED Lourenzá – Mondoñedo, unhas rapazas que mostraron capacidade de integración e xogo en equipo. Por ese motivo e porque é xusto para as xogadoras que lograron o ascenso a partir de agora nace o proxecto a nivel nacional. A directiva das E.D. Lourenzá, con Pablo Maseda á fronte, e a directiva do Ensino de Lugo tratarán de buscar o mellor financiamento posible para lograr que o que estas rapazas gañaron co seu suor na pista non o perdan entre papeis nos despachos. Dende o mesmo día do ascenso cónstame que ambas directivas traballan de arreo para consumar un proxecto deportivo que a todos nos enche do orgullo. Dende o punto de vista económico o noso Concello sabemos que está limitado, sobre todo nesta época de crise que nos tocou vivir, pero aínda así transmitímoslles a forza e a ilusión para que loiten por novos retos ao mesmo tampo que lles damos as grazas por que leven o nome de Lourenzá ata onde ata o de agora ninguén o conseguira levar antes”.





















Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
