O PSdeG, a través do deputado autonómico José Ramón Val, esixirá no Parlamento que a Xunta free o desmantelamento do centro de saúde de Cervo, para o que vén de rexistrar unha proposición non de lei e varias preguntas nas que pedirá explicacións ao parlamentario José Manuel Balseiro, tamén tenente de alcalde do Concello, para que “dea a a cara, non encubra o seu partido e garanta a continuidade” do centro de atención primaria.
Desde o pasado día 31 de maio, o médico titular do centro de saúde de Cervo atópase de vacacións, polo que “os preto de 1.100 veciños que teñen este centro como referencia están desde hai días sumidos na incerteza, xa que a Consellería de Sanidade non fixo nada por cubrir esa vacante”, afirma Val, que destaca que “moitos levan xa varios días sendo desviados a outros centros, entres que a outros simplemente non se lles dá cita”.
“Por se esta situación non fose o suficientemente escandalosa, outra dúbida planea sobre os veciños e veciñas, xa que segundo nos consta o titular do centro de atención primaria de Cervo ten prevista a xubilación para mediados deste mes de xuño e as intencións da Consellería non pasan por seguir mantendo activo o centro en cuestión”, asegura Val, que advirte de que “nin a crise, nin o aforro, nin a austeridade poden servir como escusa para deixar sen o servizo e o dereito á atención sanitaria pública” aos cidadáns de Cervo, porque “1.100 tarxetas sanitarias non poden ser ignoradas polo goberno galego”.
Na proposición non de lei, os socialistas instan a “cubrir de xeito inmediato a praza de médico docente” e “realizar cantas medidas sexan necesarias para garantir a continuidade deste centro de atención primaria, dotándoo dos medios económicos e humanos necesarios para o seu correcto funcionamento”. Ademais, preguntarán “en que prazo ten previsto a Consellería de Sanidade dar cobertura á praza que se atopa vacante”, así como “cales son as intencións do Goberno Galego en canto ao futuro deste centro”, ademais de pedir que aclaren se a Xunta “pode garantir a súa continuidade”. José Ramón Val acudiu esta mañá, xunto coa voceira socialista en Cervo, Lara Méndez, e outros membros do partido á concentración veciñal para o mantemento do centro de saúde.