A CIG apunta que “semella que, finalmente, o asunto da ampliación do contrato dos MIR de Oncoloxía Médica, vai resolverse satisfactoriamente”.
O SERGAS, inicialmente decidira non prorrogarlles o contrato de residencia un ano máis a eses profesionais, como quedou de manifesto no voto contrario a esa posibilidade do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego. Esa decisión do partido que dirixe o goberno galego e o SERGAS, tiña como consecuencia que o título de especialistas que ían obter os residentes galegos de oncoloxía médica, todos menos os R1, non sería homologábel a nivel europeo ao contar só con 4 anos de residencia, e non cos 5 que na actualidade esixe a Comisión Europea.
Aquela decisión do PP provocou a indignación dos residentes afectados e de todos os profesionais dos servizos galegos de oncoloxía, así como a solidariedade de moitos outros profesionais, asociacións de profesionais, e organizacións sindicais, incluída CIG-Saúde. O SERGAS recibiu diversas comunicacións, entre outras as realizadas desde o noso sindicato, solicitándolle que modificara a súa posición e impediran que os MIR galegos de Oncoloxía Médica foran os únicos que non puideran homologar o seu título a nivel europeo, dado que todas as autoridades sanitarias de todas as CCAA, agás as galegas, xa se manifestaron a favor de ampliar eses contratos.
A última hora, cando estaba a punto de rematar o prazo para poder facelo, o pasado 14 de xuño, os responsábeis do SERGAS informaron de que cambiaran de opinión e, finalmente, aceptaban ampliar un ano máis os contratos de residencia deses profesionais.
Se esa decisión se fai firme, pois aínda hai algúns problemas relacionados coa necesidade de continuidade dos contratos de residencia, supoñerá que os nosos residentes de Oncoloxía Médica non serán discriminados e poderán obter o seu título de especialista con homologación europea. Ademais, os Servizos Galegos de Oncoloxía Médica se verán reforzados coas novas contratacións, que boa falta lles fai.
Na CIG, e por suposto na súa Agrupación Médica (AgM-CIG), ficamos ledos de que o asunto semelle terse resolto satisfactoriamente.