Cervo, 4 de xullo de 2013.- A delegación de Educación que dirixe Pilar Armada fai pública este xoves 4 de xullo a convocatoria de axudas para a adquisición de libros e material escolar do alumnado de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2013-2014. Unha subvención financiada ao cen por cen con fondos municipais á que este ano o Concello de Cervo destina 5.000 euros.
O anuncio da convocatoria sae hoxe publicado no Boletín Oficial da Provincia http://ow.ly/mEDft onde se poden consultar todos os detalles, aínda que as persoas interesadas tamén poden acudir ao Concello para informarse, tendo en conta que o prazo para presentar as solicitudes está aberto dende mañá ata o 3 de agosto.
Un anuncio no que se establecen como requisitos para optar á subvención que a unidade familiar estea empadroada e teña residencia efectiva permanente no Concello de Cervo, que conviva nesa unidade familiar o alumnado para o que se solicitan as axudas, ter fillos cursando estudos no segundo ciclo de educación infantil (de 3 a 5 anos) nalgún dos centros educativos públicos do municipio cervense para o curso 2013-2014. Ao mesmo tempo tamén se fixan uns requisitos económicos polos que non se poden superar certos niveis de ingresos, así como non se debedor de ningunha administración e non ter pendente de xustificación ningunha subvención concedida polo Concello.
Á hora de entregar a solicitude no Rexistro Xeral é necesario achegar fotocopia do DNI de todo os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, certificación do nivel de renda en IRPF do último exercicio fiscal de todo os membros computables da familia maiores de idade, factura de compra ou presuposto dos libros e material escolar dun establecemento comercial do municipio, e nos casos de discapacidade ou dependencia dalgún dos membros da unidade familiar computables, certificado emitido polo organismo oficial correspondente.
Esta é unha subvención que “vimos convocando e concedendo nos últimos anos dentro do programa de axudas no ámbito escolar que temos activo” explica a edil, e no que tamén se inclúen subvencións ao transporte escolar ou ás ANPAS e centros educativos do municipio “sempre co obxectivo de colaborar coas familias e coas entidades implicadas na educación dos nosos nenos e mozos” remata Armada.